A Xunta publica a orde de axudas destinada a financiar programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais de drogodependencias
Destínase preto de 270.000 euros a apoiar as persoas que seguen un tratamento de deshabituación de trastornos adictivos co fin de facilitar a súa integración social e promover unha vida autónoma desde un ámbito residencial
Facilítase a adaptación mediante a residencia temporal nunha vivenda normalizada, con tutela de persoal técnico cualificado
As axudas, que este ano se incrementan en máis dun 6 %, están destinadas a entidades privadas sen ánimo de lucro
A Xunta financiará catro programas de inserción social en vivendas e achegará un importe máximo de 67.416 euros por programa, o que supón un aumento de máis de 4.000 euros por programa con respecto ao ano pasado
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a orde de axudas da Consellería de Sanidade destinada a financiar programas de incorporación social en vivendas para pacientes estabilizados nas unidades asistenciais con especialización en drogodependencias. A este fin, a Xunta destinará 269.665 euros, incrementando a contía en máis dun 6 % con respecto ao pasado ano.
Con esta nova orde de axudas, a Xunta financiará catro programas de inserción social en vivendas e achegará un importe máximo de 67.416 euros por programa, o que supón un aumento de máis de 4.000 euros por programa con respecto ao pasado ano.
A adxudicación das axudas realizarase en réxime de concorrencia competitiva, aos programas que obteñan as puntuacións máis altas. Para tal efecto, constituirase unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios establecidos na propia orde, avaliará os proxectos solicitantes.
Os programas e actividades deberán ter un carácter integral e estar deseñados como un proceso continuado, iniciándose un diagnóstico global e establecendo un proceso de incorporación social.
Adaptación á vida cotiá
Tal e como se recolle na orde, os usuarios das vivendas serán pacientes en tratamento e seguimento nas unidades de atención a drogodependencias que requiran dun programa de incorporación social con apoio residencial.
O acceso a este recurso será voluntario e ofertarase de xeito prioritario cando non exista un apoio socio-familiar axeitado ou concorran situacións de vulnerabilidade.
Estes pisos son espazos que ofrecen unha contorna segura e estruturada ás persoas que seguen un proceso de rehabilitación coa finalidade de procurar o apoio necesario cara á súa reintegración social, dotándoas dunha vivenda digna que cubra todas as necesidades básicas desde a cal poidan realizar o seu tratamento contra as drogodependencias.
Esta liña de axudas busca facilitar a adaptación á vida cotiá mediante a residencia temporal nunha vivenda normalizada, con tutela de persoal técnico cualificado para facilitar a incorporación social e promover unha vida autónoma. As entidades sen ánimo de lucro beneficiarias levarán a cabo programas dirixidos a este cometido.
Obxectivos
Entre os obxectivos deste apoio residencial está facilitar o proceso de cambio destas persoas a través de estratexias que permitan acadar o desenvolvemento das súas habilidades sociais, culturais e educativas, adquirindo hábitos e condutas de vida saudables e fomentando o uso positivo do tempo libre con actividades recreativas de participación social.
Así mesmo, garántese a atención das súas necesidades sociais favorecendo o inicio dun proceso de normalización social, mellorando as habilidades básicas da vida diaria e consolidando o mantemento da abstinencia.
Engadido ao anterior, promóvense estratexias específicas de intervención para a incorporación social destas persoas, apoiando a formación para a inserción laboral e adquirindo mellores estratexias de comunicación e relación cos demais.
A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde ocúpanse da programación, coordinación e xestión das medidas dirixidas a reducir a demanda do consumo de drogas e facilitar a prestación de servizos asistenciais, así como a promover a incorporación social de pacientes drogodependentes.
A Xunta aprobou recentemente o Decreto 127/2025, do 29 de decembro, de traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia dos servizos e medios persoais e materiais afectos á atención sanitaria prestada polas unidades asistenciais de atención á drogodependencia de titularidade municipal existentes que, desde o 1 de xaneiro de 2026, integra as 13 unidades existentes no Servizo Galego de Saúde.
En concordancia co anterior, esta orde de axudas foi tramitada polo procedemento anticipado de gasto para que a súa publicación facilite o traballo conxunto entre as unidades integradas e as entidades adxudicatarias.