Intecmar abre o polígono Bueu B e permite que todas as bateas da ría de Pontevedra retomen a súa actividade
A ría de Pontevedra súmase así á ría de Arousa que desde a semana pasada conta con todas as zonas produtivas abertas
Na ría de Vigo permanecen tres polígonos pechados en Liméns onde as condicións meteorolóxicas adversas dificultan as labores de mostraxe necesarias para avaliar o estado do recurso
Santiago de Compostela, 5 de febreiro do 2026
O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) decretou a apertura do polígono Bueu B na ría de Pontevedra tras constatar a remisión do episodio de toxinas lipofílicas que se iniciara o pasado mes de agosto. Deste xeito, a partir de hoxe quedan abertos todos os polígonos de cultivo de mexillón desta ría, permitindo a reactivación plena da actividade extractiva e comercializadora nas bateas.
Esta decisión prodúcese logo das análises realizadas polos servizos técnicos do Intecmar, que confirmaron o descenso da concentración destas toxinas mariñas nos mexillóns. o que permite a extracción e comercialización do produto con todas as garantías para a seguridade alimentaria. A ría de Pontevedra súmase así á ría de Arousa, que xa conta con todos os seus polígonos abertos desde a pasada semana, consolidando a recuperación progresiva da actividade mitilicultora nas principais zonas produtoras de Galicia.
Pola súa banda, na ría de Vigo aínda permanecen pechados tres polígonos situados na zona de Liméns, na boca norte da ría. Neste caso, as condicións meteorolóxicas adversas rexistradas nos últimos días están a dificultar as mostraxes necesarias para avaliar o estado do recurso, polo que o Intecmar continuará co seguimento técnico ata contar cos datos que permitan abrir os polígonos afectados.
A Consellería do Mar lembra que o sistema de control e vixilancia que desenvolve o Intecmar permite garantir a seguridade dos produtos do mar galegos, reforzando a confianza dos mercados e a protección do consumidor, ao tempo que contribúe á sustentabilidade do sector acuícola galego.