A Xunta reforza os servizos de autobús con orixe e destino Vigo para garantir a mobilidade das persoas afectadas pola suspensión na xornada de hoxe das conexións de tren
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, considera inaceptable que Renfe suspendese as conexións e non ofrecese alternativas para garantir a mobilidade dos usuarios
Agarda que “rectifiquen” e que se continúa a suspensión leve aparellada unha alternativa por parte do Goberno central como autoridade competente
Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2026
Ante a suspensión indefinida das conexións ferroviarias na xornada de hoxe con orixe e destino Vigo por parte de Renfe, e sen establecer medios alternativos, a Xunta contactou coa empresa concesionaria para artellar reforzos por estrada neste treito do eixo atlántico.
En concreto, xa se habilitaron reforzos entre A Coruña e Vigo ás 10,00 e ás 11,00 horas, así como no sentido contrario ás 10,45 horas. Tamén se reforzaron os traxectos A Coruña-Vigo ás 13,00 horas, Santiago-Vigo ás 15,15 e ás 16,00 horas, e Vigo-Santiago ás 15,30. Ademais, séguese a analizar a situación de cara a realizar máis reforzos se fose preciso.
Nesta liña, a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, criticou que o Goberno central non ofrecese alternativas aos usuarios ante a suspensión das conexións ferroviarias. A directora xeral afirmou ser consciente da complexidade de situacións excepcionais coma esta, pero insistiu en que Renfe non pode deixar aos usuarios sen alternativa e este tipo de cuestións están deixando de ser excepcionais para ser frecuentes. “É inaceptable”, considerou.
Nesta liña, asegurou que a Xunta tentou artellar o reforzo dos servizos “coa pouca marxe de manobra que tiñamos, para tratar de ofrecerlles alternativas ás persoas afectadas”, e incidiu en que Renfe non pode anunciar unha suspensión indefinida sen ofrecer unha proposta. Por iso, agarda que “rectifiquen” e que se continúa a suspensión leve aparellada unha alternativa por parte do Goberno central como autoridade competente.
Á marxe desta situación puntual, cómpre lembrar que a Administración autonómica vén reclamando información sobre a situación actual e o mantemento preventivo que se está a facer da rede ferroviaria en Galicia, e se este é o axeitado para adiantarse á acumulación de defectos, evitar o seu deterioro progresivo e manter a calidade do servizo. Deste xeito, a directora xeral de Mobilidade, incide en que “non se trata só de xestionar unha situación meteorolóxica dada, senón de executar un mantemento preventivo eficaz sobre drenaxes e talude que permita á rede soportala sen chegar ao colapso do servizo”, aclara.