A plataforma tecnolóxica Sanidade Mediaverso da Xunta, recoñecida cun premio estatal de investigación polo seu impacto no benestar emocional
Resultou premiada no ámbito da investigación sanitaria ao formar parte do proxecto galardoado no ámbito comunitario e social dos Premios de Investigación do Consello Xeral de Enfermería
A iniciativa, desenvolvida pola Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, xa fora seleccionada entre 170 proxectos a nivel estatal e foi o único traballo galego entre os 16 finalistas
Sanidade Mediaverso, que se insire dentro do Plan Obesidade Zero da Xunta, estrutúrase ao redor de catro grandes eixes que teñen por obxectivo contribuír ao mantemento dunha boa saúde entre a cidadanía galega
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2026.
A Plataforma Tecnolóxica Sanidade Mediaverso, iniciativa da Consellería de Sanidade para promover hábitos de vida saudables, vén de ser recoñecida cun premio estatal de investigación polo seu impacto no benestar emocional.
A plataforma foi recoñecida no ámbito da investigación sanitaria, ao formar parte do proxecto galardoado co segundo premio no ámbito comunitario e social dos Premios de Investigación do Consello Xeral de Enfermaría.
A iniciativa, desenvolvida pola Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, fora previamente seleccionada entre 170 proxectos a nivel estatal e foi o único traballo galego entre os 16 finalistas.
O premio foi concedido ao estudo Efectividade dunha intervención multifacética para mellorar o benestar emocional a través da plataforma Mediaverso. Un ensaio aleatorizado en estudantes de Enfermería”, desenvolvido por María José Ferreira Díaz e Mario Alberto Rivas, profesores da Escola de Enfermería de Lugo.
O traballo avalía, mediante metodoloxía científica rigorosa, o impacto dunha intervención dixital que combina mindfulness e exercicio físico, utilizando Sanidade Mediaverso como ferramenta de apoio para a promoción do autocoidado e a saúde emocional.
Este recoñecemento estatal destaca o valor de Sanidade Mediaverso como plataforma innovadora, orientada á adquisición de hábitos de vida saudables e ao fortalecemento da saúde emocional.
A combinación de contidos dixitais, recursos interactivos e enfoques educativos centrados na persoa sitúa a Mediaverso como unha ferramenta de interese tanto para a cidadanía como para profesionais sanitarios, especialmente en contornas educativas e comunitarias.
Este premio do Consello Xeral de Enfermería subliña non só a calidade científica do estudo, senón tamén a capacidade de Sanidade Mediaverso para xerar un impacto real, transferible e sostible nos programas de promoción da saúde, consolidándose como unha referencia en innovación dixital aplicada á saúde pública.
A plataforma Sanidade Mediaverso, que se insire dentro do Plan Obesidade Zero da Xunta, estrutúrase ao redor de catro grandes eixes que teñen por obxectivo contribuír ao mantemento dunha boa saúde entre a cidadanía galega. En concreto, a alimentación saudable, a realización de actividade física, o coidado do benestar emocional e a prevención de condutas adictivas.