A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou as instalacións da empresa Novafrigsa en Lugo
A Xunta salienta o compromiso das empresas galegas co desperdicio cero, a eficiencia enerxética e a xestión responsable da auga
Ángeles Vázquez pon a Novafrigsa como exemplo no cumprimento da normativa medioambiental, que modificou en varias ocasións nos últimos cinco anos co obxectivo de modernizar e mellorar o seu proceso produtivo
A conselleira destaca que as avaliacións e outros trámites ambientais contribúen a mellorar os proxectos que se desenvolven en Galicia ao incluír exixencias co fin de minimizar o seu impacto na contorna e protexer o medio ambiente
Lugo, 6 de febreiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou hoxe as instalacións da empresa Novafrigsa -pertencente ao grupo Coren- en Lugo, onde puxo en valor o compromiso das empresas galegas coa protección ambiental, o desperdicio cero, a eficiencia enerxética e a xestión responsable da auga no desenvolvemento das súas actividades.
Neste sentido, a responsable autonómica destacou que este matadoiro de gando vacún e planta de elaboración de produtos alimentarios é todo un exemplo no cumprimento da normativa medioambiental e das exixencias incluídas na súa Autorización Ambiental Integrada (AAI), que modificou en varias ocasións nos últimos cinco anos co obxectivo de modernizar e mellorar desde o punto de vista tecnolóxico o proceso produtivo que se desenvolve nas instalacións.
A conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, detallou que a última delas -en xuño de 2025- tivo como obxectivo construír un tanque de tormentas de máis de 200 metros cúbicos de capacidade co fin de xestionar de forma máis segura e eficiente as augas pluviais en episodios de choivas intensas. O obxectivo desta infraestrutura é evitar sobrecargas nos sistemas de saneamento e reducir o risco de vertidos, o que supón un importante avance na protección da zona e na adaptación ao cambio climático.
Por iso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou que as avaliacións e outros trámites ambientais realizados pola Xunta contribúen a mellorar os proxectos que se desenvolven en Galicia ao incluír distintas exixencias co fin de minimizar o seu impacto na contorna e protexer o medio ambiente.
A empresa
Novafrigsa é o centro no que Coren procesa toda a produción de vacún procedente das súas granxas para a elaboración de friames, cocidos e xamóns, entre outros produtos. As instalacións, con 32.000 metros cadrados de superficie cuberta, ten capacidade para procesar arredor de 100.000 reses anuais.
A firma conta con numerosos recoñecementos por boas prácticas como a certificación Welfair en benestar animal en toda a súa cadea produtiva, a ISO 14001 por respecto ao medio ambiente ou a ISO 50001 por eficiencia enerxética así como a acreditación Residuos Cero por promover a economía circular.
De feito, nos últimos anos realizou importantes investimentos para avanzar no eido da descarbonización apostando pola enerxía fotovoltaica e reducindo a pegada de carbono equivalente ao plantado de 15.000 árbores anuais. Ao mesmo tempo, modernizou os seus equipamentos e instalou iluminación LED, o que permitiu reducir un 10% o consumo enerxético global da empresa.
En canto á xestión eficiente da auga, Novafrigsa realizou distintos investimentos para reducir o seu consumo e mellorar o tratamento. O fin último é devolver ao medio a auga con parámetros de calidade incluso mellores que cando a recolle.
Os produtos que elabora a empresa, procesados de vacún, inclúen a comercialización baixo o selo da Identificación Xeográfica Protexida (IXP) Tenreira Galega e da IXP Vaca Galega/Boi Galego. A súa calidade permite que estean presentes nos puntos de venda das principais empresas distribuidoras de España así como en mercados internacionais de Europa, Asia e África.