A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, clausurou hoxe unha xornada de presentación deste programa de apoios

Lorenzana avanza que o 13 de febreiro abren as axudas para a certificación de empresas galegas que queiran ser subministradoras do sector da defensa

Apunta que estarán abertas ata o vindeiro 13 de maio cun orzamento total de 1,5 M€ e axudas máximas de ata 75.000 euros

Explica que as certificacións son unha garantía de seguridade, fiabilidade e calidade; acreditan o cumprimento normativo e legal e son un requisito de entrada na cadea de subministración do sector da defensa

“Ás empresas dicímoslles: contades co apoio da Xunta para crecer, para certificarvos, para internacionalizarvos, para innovar”, salienta

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que o vindeiro venres 13 de febreiro abre o prazo para solicitar as axudas para certificacións que a Xunta vai poñer por primeira vez á disposición daquelas empresas galegas que queiran entrar como subministradoras do sector da defensa e a seguridade.

Na clausura da Xornada de presentación das axudas á certificación de empresas galegas no sector da defensa, onde estivo acompañada da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, Lorenzana apuntou que esta liña de apoios estará aberta ata o vindeiro 13 de maio cun orzamento total de 1,5 millóns de euros e axudas máximas de ata 75.000 euros para un investimento mínimo de 3.000 euros.

Segundo explicou, cobren a primeira Inscrición no Rexistro Xeral de Armamento e Materiais (DGAM); a implantación de sistemas de xestión da calidade segundo as normas PECAL/AQAP e os gastos de consultoría e certificación; a preparación técnica e ensaios en laboratorios acreditados para sistemas ou produtos; os trámites necesarios ante o CNI para obter as autorizacións de seguridade da empresa (HSEM); e, ademais, ofrecen asistencia especializada para a elaboración de proxectos en convocatorias nacionais ou europeas.

Lorenzana explicou que as certificacións son unha garantía de seguridade, fiabilidade e calidade; acreditan o cumprimento normativo e legal e son un requisito de entrada na cadea de subministración do sector da defensa, por iso o Goberno galego incluíu esta liña de axudas pioneira dentro da Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo, que conta con 183 millóns de euros de investimento público directo.

Guía de certificacións de seguridade, defensa e aeroespazo

Nesta xornada tamén se presentou a Guía de certificacións de seguridade, defensa e aeroespazo, que a conselleira considerou que vai ser de gran apoio tanto para empresas pertencentes e coñecedoras deste ámbito, como para aquelas que aspiran a incorporarse a estes mercados. Recolle unha clasificación das distintas certificacións e axuda a entender como condicionan o acceso a proxectos, programas industriais e mercados específicos, dixo, para sinalar que é unha guía que vai estar en constante actualización para incorporar novas normativas, tendencias e boas prácticas.

Lorenzana asegurou que Galicia decidiu apostar de forma clara por este sector porque ten capacidades reais: grandes empresas como Navantia ou Urovesa; un ecosistema de pemes innovadoras e centros tecnolóxicos e universidades que xa están traballando en tecnoloxías críticas.

Neste contexto, recoñeceu que as administracións “somos clave para identificar capacidades, construír alianzas, deseñar instrumentos de apoio e crear un entorno favorable ao  investimento, que é o que estamos tratando de facer coa nosa Estratexia de Seguridade, Defensa e Aeroespazo”. “Ás empresas dicímoslles: contades co apoio da Xunta para crecer, para certificarvos, para internacionalizarvos, para innovar”. 

Segundo dixo, “investir en defensa é investir en seguridade, en soberanía estratéxica, pero tamén en desenvolvemento económico de Galicia”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2026