Belén do Campo asiste á xura da 74º promoción da carreira xudicial no Tribunal Superior de Xustiza

A Coruña, 5 de febreiro de 2026

A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao director xeral de Xustiza, José Tronchoni, asistiu hoxe ao acto de xura ou promesa da 74ª promoción da carreira xudicial, celebrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), un evento que marca a incorporación dunha nova promoción de 3 xuíces e xuízas ao servizo público da Xustiza, dous no xulgado de Ribeira e un en Vigo.

Durante o acto, que contou coa presenza de representantes do ámbito xudicial e institucional, púxose en valor o compromiso, a responsabilidade e a vocación de servizo público dos novos membros da carreira xudicial, que comezan agora a súa traxectoria profesional ao servizo da cidadanía e do Estado de dereito.

A delegada da Xunta destacou a importancia do labor que desempeña a Xustiza como piar fundamental do sistema democrático, así como a necesidade de seguir reforzando a colaboración institucional para garantir un servizo público eficaz, próximo e de calidade. Do mesmo xeito, trasladou o seu recoñecemento aos novos xuíces e xuízas polo esforzo realizado ao longo da súa formación e desexoulles éxitos nesta nova etapa profesional.



Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/02/2026