A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Moraña un establecemento beneficiario en 2025 desta orde de apoios
Lorenzana destaca que as axudas da Xunta para gasolineiras tamén cobren a instalación de grupos eléctróxenos
A convocatoria está aberta ata o vindeiro 9 de marzo e subvenciona, como novidade este ano, a adquisición e instalación de desfibriladores, así como os sistemas para a retirada de diñeiro en efectivo, que xa permitía a convocatoria anterior
As estacións de servizo deben estar situadas en concellos de ata 20.000 habitantes, ou naquelas parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais, no caso de estaren emprazadas en municipios de maior poboación
O importe total desta convocatoria é de 800.000 euros, cun máximo de 30.000 euros por solicitude; ata 5.000 euros para a adquisición de grupos electróxenos; e ata 1.500 para a instalacións de desfibriladores
Moraña (Pontevedra), 7 de febreiro de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apuntou hoxe que as axudas da Xunta para estacións de servizo do rural, abertas ata o vindeiro 9 de marzo, tamén cobren a instalación de grupos electróxenos ou sistemas de alimentación ininterrompida para equipamentos dixitais para garantir o servizo en caso de que se produzan cortes na subministración eléctrica.
Acompañada da directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, Lorenzana visitou hoxe a estación de servizo González Ferro, un dos establecementos beneficiarios en 2025 desta orde de apoios que, como novidade, este ano subvencionan tamén a adquisición e instalación de desfibriladores.
As estacións de servizo deben estar situadas en concellos de ata 20.000 habitantes, de acordo cos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística, ou ben naquelas parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais, no caso de estaren emprazadas en municipios de maior poboación.
É unha orde de apoios destinada á mellora do equipamento tecnolóxico e dixital das gasolineiras situadas no rural galego e, tamén, para sistemas de seguridade. E, ao igual que na convocatoria pasada, cobren as instalacións necesarias para a implantación do servizo de retirada de diñeiro en efectivo, así como outros equipamentos de pagamento e plataformas para a adquisición de produtos e servizos.
O importe total desta convocatoria é de 800.000 euros, cun máximo de 30.000 euros por solicitude; ata 5.000 euros para a adquisición de grupos electróxenos; e ata 1.500 para a instalacións de desfibriladores.
Retirada en efectivo en máis dun cento de estacións de servizo
O pasado ano, beneficiáronse destas axudas un total de 45 estacións de servizo: 17 na provincia da Coruña, 8 en Lugo, 14 na de Ourense e 6 en Pontevedra. Por outra banda, con respecto ás gasolineiras nas que xa se pode retirar efectivo, cómpre salientar que, polo de agora, son 104: 66 na provincia da Coruña, 21 en Pontevedra, 9 na de Ourense e 8 en Lugo.
Lorenzana puxo en valor que se trata dunha liña de axudas pensada para reforzar servizos nas zonas do rural galego e naqueles concellos con maior despoboamento.