A Xunta destaca o vínculo entre calidade, identidade e territorio na produción alimentaria de Galicia
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou este mediodía na xornada Territorio e Alimentación: construíndo identidade e valor compartido, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia e a Fundación Juana de Vega
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2026
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, destacou hoxe a estreita vinculación que existe entre territorio, identidade e calidade na produción alimentaria da nosa comunidade.
Foi este mediodía en Santiago de Compostela, no seu relatorio Compromiso institucional co valor do territorio enmarcado na xornada Territorio e Alimentación: construíndo identidade e valor compartido, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a Fundación Juana de Vega. Nel, que o territorio “é o noso punto de partida” e cualificou a calidade diferenciada como “o noso aval”. Tamén puxo en valor que a cooperación é o camiño para garantir que Galicia siga competindo nun mercado global cada vez máis esixente.
Nesta liña, o director salientou que Galicia é a terceira autonomía de España con máis marcas de calidade diferenciada (un total de 36, entre DO, IXP, produción ecolóxica e Artesanía Alimentaria) e resaltou a importancia das indicacións xeográficas no ámbito europeo, como referentes da excelencia na elaboración de alimentos, e como garantes da orixe e trazabilidade dos mesmos sempre moi apegados ao territorio no que se producen.
A xornada xirou, precisamente, arredor de aspectos como a identidade territorial como motor de diferenciación, as claves de éxito das indicacións de calidade e marcas territoriais ou a creación de valor dende a orixe, aportando visións empresariais e gastronómicas. Nas mesas de diálogo e relatorios participaron, ademais do representante de Medio Rural, responsables do Clusaga e da Fundación Juana de Vega, así como cociñeiros, adegueiros, xestores de indicacións xeográficas ou empresarios do sector, entre outros.