A Xunta destaca o papel de `O Gran Camiño´ como escaparate internacional para proxectar a marca Galicia Calidade a través do ciclismo
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asistiu hoxe á presentación da quinta edición da proba, que atravesará de novo as catro provincias galegas e que, como novidade, este ano se retrasará a primavera con cinco etapas do 14 ao 18 de abril
Diego Calvo destaca que Galicia é un territorio privilexiado para a práctica deportiva e, neste caso, actúa ademais como motor para a promoción turística da comunidade e como motor económico dos concellos polos que discorre a competición
Padrón (A Coruña), 6 de febreiro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe xunto co secretario xeral para o Deporte, Roberto García, na presentación da quinta edición da proba O Gran Camiño. The Historical Route que volverá percorrer as catro provincias galegas do 14 ao 18 de abril. Tamén asistiron a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
No acto, Diego Calvo salientou o importante papel desta competición ao situarse como un dos principais escaparates internacionais para proxectar a marca Galicia Calidade a través do ciclismo. Nesta liña, destacou o impacto mediático das retransmisións televisivas da proba en distintos países, supoñendo unha ferramenta clave para a promoción turística de Galicia.
O conselleiro de Deportes tamén puxo en valor que con esta proba queda acreditado como a unión entre o deporte e o turismo contribúe a xerar importantes beneficios económicos nos concellos polos que discorre actuando como motor para a dinamización tanto económica como turística da comunidade. Así, incidiu en que o seguimento das etapas permite, ao mesmo tempo, dar a coñecer en todo o mundo as paisaxes, o patrimonio e a identidade cultural de Galicia a milleiros de espectadores. Do mesmo xeito, engadiu que O Gran Camiño tamén demostra cada ano que Galicia é un territorio privilexiado para a práctica deportiva e un destino idóneo para o ciclismo, tendo en conta que se trata dunha proba profesional de alto nivel consolidada no calendario europeo do ciclismo e coa participación de grandes equipos internacionais.
Polo tanto, engadiu que o próximo abril Galicia volverá proxectarse ao mundo a través do ciclismo, reforzando a súa imaxe como destino turístico e deportivo de referencia e contribuíndo tamén a fomentar a afección polo ciclismo, especialmente entre as xeracións máis novas.
O percorrido volverá abranguer as catro provincias galegas:, entre Carballo e Ferrol, na provincia da Coruña; polas comarcas da Terra Chá e A Mariña da provincia de Lugo, entre Vilalba e as praias de Barreiros; Ourense, entre Xinzo de Limia e Xunqueira de Espadanedo, con final no Alto do Meda, e na provincia de Pontevedra, entre As Neves e A Guarda. Diego Calvo fixo referencia á novidade desta edición, que por primeira vez celebrarase na primavera, a diferencia das catro edicións anteriores onde a carreira tivo lugar no mes de febreiro, buscando reducir así o risco climático.
Por outra parte, o conselleiro de Deportes agradeceu ao director xeral de O Gran Camiño, o exciclista Ezequiel Mosquera, a súa aposta continuada pola organización en Galicia deste tipo de eventos. Resaltou ademais o amplo dispositivo de seguridade integrado polas forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias como as agrupacións de voluntarios de Protección Civil.