A Xunta convoca unha nova edición de Xogade para promover o deporte e os hábitos saudables entre a poboación escolar

O programa mantén 16 modalidades deportivas na actividade escolar e contará con 37 federacións adheridas

Garante así mesmo a continuidade do seguro gratuíto para os menores participantes de entre 6 e 16 anos

Preto de 147.000 escolares galegos sumáronse a Xogade na temporada 2025/2026, , con máis de 242.000 participacións

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria do programa Xogade (xogos galegos deportivos en idade escolar), que chega neste curso 2026/27 á súa décimo oitava edición. O programa, que naceu na tempada 2009-2010 co obxectivo de promover a práctica da actividade física e deportiva e a apropiada utilización do lecer entre a poboación en idade escolar ao abeiro do Plan Galicia Saudable da Xunta, continúa a consolidarse como unha das principais vías de acceso ao deporte para a rapazada galega. Na tempada 2025/26 contou con preto de 147.000 escolares mutualizados (146.977), que sumaron un total de 242.009 participacións entre as actividades deportivas federadas e escolares.

De cara ao novo curso, Xogade mantén a oferta de 16 modalidades deportivas dentro da actividade deportiva escolar. As inscricións están abertas a centros de ensino, ANPAS, clubs, escolas deportivas municipais, agrupacións deportivas escolares e asociacións galegas.

Neste curso, as disciplinas incluídas son atletismo en pista, bádminton, baloncesto, balonmán, cros, dúatlon, encontros multideportivos, fútbol sala, multixogo 6-8, natación, orientación, patinaxe artística, tenis de mesa, voleibol, xadrez e xogando co atletismo.

Unha tempada máis, Xogade continuará promovendo a igualdade e a inclusión no deporte escolar. Na tempada 2025/26, a actividade deportiva escolar contou cunha participación dun 52,50 % de nenos e un 47,50 % de nenas, achegándose á paridade. Por outro lado, o programa facilita a participación dos escolares con diversidade funcional.

Transporte e actividades de balde

A Xunta mantén a gratuidade do seguro de accidentes deportivos para os menores participantes de entre 6 e 16 anos, unha medida na que Galicia foi pioneira. Ademais, asume o custo do transporte e do desenvolvemento das distintas citas deportivas, co obxectivo de garantir que cada escolar poida participar en igualdade de condicións, con independencia do lugar de Galicia no que resida.

Así mesmo, e no caso da actividade federada, tamén se sufraga o seguro de accidente deportivo obrigatorio para as licencias federativas da rapazada entre os 6 a os 16 anos coa fin de apoiar o deporte de base e a promoción da actividade físico deportiva e os hábitos saudables. Neste curso, estarán adheridas a este seguro 37 federacións  deportivas galegas: atletismo, bádminton, baile deportivo, baloncesto, balonmán, béisbol e sófbol, birlos, boxeo, ciclismo, deporte autóctono, esquí náutico, fútbol, halterofilia, hípica, hóckey, judo e deportes asociados, karate e disciplinas asociadas, kickboxing e muay thai, kung-fu, loita e disciplinas asociadas, motociclismo, natación, orientación, pádel, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tríatlon e péntatlon moderno, voleibol, xadrez e ximnasia.

Propostas educativas

Xunto coa actividade deportiva escolar e a actividade deportiva federada, o programa Xogade ofrece outras propostas como Coñece o meu club, para facilitarlles aos centros educativos que se poñan en contacto coas entidades da súa contorna; Xogando coa auga e co vento, que dá cabida a proxectos cos que achegar os escolares galegos á natureza a través de deportes acuáticos; ou Xogos tradicionais e populares, encamiñada á súa difusión e arraigo entre a poboación escolar; así como actividades de promoción de diferentes modalidades deportivas, tradicionais e urbanas.

Un orzamento próximo aos 4 millóns de euros

O gasto anual do programa Xogade na tempada 2025/26 prevese que ascenda a preto de 4 millóns de euros, dos que 3,12 millóns corresponden ao seguro deportivo escolar, 450.000 euros ao contrato de transporte dos escolares participantes, 185.000 euros aos convenios coas agrupacións deportivas escolares e arredor de 50.000 euros a outros gastos organizativos.

As entidades escolares e deportivas que conten con equipos e estean interesadas en inscribirse no programa poden facelo ao longo do curso a través das webs www.xogade.xunta.gal e www.deporte.xunta.gal.

Data de actualización: 02/09/2026