A Xunta convoca unha nova edición dos Premios Deporte Galego dirixida a recoñecer os mellores deportistas e equipos do ano 2025

Os galardóns contan con 18 categorías e distinguen tamén o labor das entidades que promoven a actividade física e hábitos de vida saudable

Poden presentar candidaturas entidades deportivas, concellos, organismos públicos e privados e persoas vencelladas ao deporte

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria dos Premios Deporte Galego do ano 2025, galardóns promovidos pola Xunta para recoñecer as persoas deportistas, os equipos, as entidades e os profesionais máis destacados do deporte galego durante o pasado ano 2025. A nova edición conta con 18 categorías que abranguen diferentes ámbitos da actividade deportiva, desde os resultados de alto nivel ata a promoción do deporte de base, a inclusión e o fomento da actividade física e dos hábitos de vida activa.

Os Premios Deporte Galego distinguirán os mellores deportistas en categoría feminina e masculina, os mellores deportistas con discapacidade en ambas as categorías e o deportista revelación. Tamén se premiará aos mellores equipos feminino e masculino, así como ao mellor equipo de deportistas con discapacidade.

A convocatoria inclúe ademais categorías para recoñecer o traballo do resto de axentes vinculados ao deporte, con premios ao/á mellor adestrador/a, ao/á mellor árbitro/a ou xuíz/a, ao mellor labor informativo, ao mellor evento deportivo, ao patrocinio deportivo, ao xogo limpo e á mellor entidade na promoción do deporte de base.

A estas categorías súmanse os tres Premios Galicia Saudable, que distinguirán unha entidade de carácter público, outra privada e unha terceira educativa polo seu labor de fomento e promoción da actividade física e dos hábitos de vida activa. Ademais, o xurado poderá outorgar mencións especiais.

As candidaturas poderán ser presentadas polas entidades inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os concellos galegos e calquera outro organismo ou entidade pública ou privada radicada na comunidade, así como polos membros do xurado e polas persoas físicas relacionadas coa actividade física e o deporte galego. Cada propoñente poderá presentar unha candidatura por categoría.

A presentación realizarase preferentemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o formulario normalizado correspondente ao procedemento DE401A. O prazo para presentar as candidaturas será de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.

Para elixir os mellores deportistas, o xurado, presidido polo secretario xeral para o Deporte, Roberto García, valorará aspectos como os resultados deportivos, os ránkings, a proxección, o nivel deportivo, as expectativas de progreso e o interese para o deporte galego. Nas restantes categorías teranse en conta méritos como a promoción do deporte de base, a innovación e o alcance do labor informativo, a repercusión dos eventos deportivos ou o impacto das iniciativas de fomento da actividade física e dos hábitos de vida activa.

As persoas e entidades galardoadas recibirán un trofeo e un diploma acreditativo durante o acto público de entrega de premios que se celebrará en próximas datas.

Data de actualización: 03/09/2026