A Xunta patrocina o VI Trofeo Internacional de Voleibol feminino, que se celebrará o domingo en Lugo
Alfonso Villares destaca a consolidación desta cita deportiva e o traballo do CV Emevé para seguir achegando a Lugo competicións da máxima categoría
Lugo, 1 de setembro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou esta tarde na presentación do VI Trofeo Internacional de Voleibol feminino, que organiza o Club Voleibol Emevé e que conta co apoio do Goberno galego como único patrocinador. Na presentación estivo tamén a presidenta do club organizador, Bibí Bouza.
O torneo enfrontará ás anfitrioas, o Arenal Emevé, co SC Braga o próximo domingo 6 de setembro, ás 12,00 horas, no pavillón municipal.
Alfonso Villares considerou “un verdadeiro luxo” que Lugo acolla por sexto ano consecutivo esta competición e destacou o traballo do Emevé “para seguir achegando á cidade eventos da máxima categoría e contribuír á promoción do voleibol feminino”. Nesta liña, subliñou o compromiso da Xunta “co impulso do deporte feminino e o traballo dos clubs que contribúen a facelo medrar”.
O Trofeo Internacional de Voleibol feminino consolidouse como unha das grandes citas da pretemporada de voleibol no noroeste peninsular. O encontro serve ademais para que as xogadoras do Emevé continúen coa súa preparación de cara á nova tempada, que dará comezo o 3 de outubro.