Belén do Campo e Martina Aneiros participan nunha reunión de traballo cos novos directores xerais da Consellería do Medio Rural para avanzar na planificación forestal
A Coruña, 6 de febreiro de 2026
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto coa delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, mantiveron unha reunión de traballo na que tamén participaron a nova directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro Arcos e o novo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco Gutiérrez. Ademais estiveron presentes o xefe de servizo de Montes, Javier Márquez e o xefe de servizo de Prevención de Incendios Forestais, Guillermo Acebal, así como os xefes dos Distritos Forestais.
Durante o encontro analizouse o número de concellos adheridos ao actual convenio que a Consellería do Medio Rural ten con Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias en aras de seguir aumentando o número de municipios.
Na reunión tamén se revisaron as diferentes ordes de axudas que a Xunta de Galicia ten previsto convocar proximamente, dirixidas a apoiar ás entidades locais e a outros beneficiarios nas actuacións de prevención, xestión da biomasa e ordenación forestal.
Así mesmo, abordáronse distintas medidas de coordinación entre as delegacións territoriais, os servizos forestais e de incendios e os distritos, co obxectivo de seguir mellorando a planificación e a eficacia dos traballos previos ao inicio do período de alto risco de lumes.
A delegada territorial da Xunta na Coruña puxo en valor a importancia da colaboración institucional e do traballo conxunto dos equipos técnicos para anticiparse aos riscos, optimizar recursos e reforzar a protección do monte galego.