O Servizo Galego de Saúde remítelle ao Concello de Padrón a proposta de convenio para acometer as actuacións neste centro de saúde, de titularidade municipal
A Xunta colaborará co Concello de Padrón para reformar o centro de saúde, unha actuación que suporá un investimento de máis de 258.000 euros
O financiamento das actuación repartirase ao 50 %, entre cada unha das administracións, polo que a Xunta achegará un total de 129.206 euros
As obras de reforma que se pretenden executar teñen por finalidade a rehabilitación integral das cubertas e a substitución do pavimento interior, entre outras actuacións
O Concello debe asumir o compromiso de redactar o documento necesario para acometer as obras, así como a licitación, adxudicación e execución dos traballos
Esta axuda da Xunta enmárcase no obxectivo do Goberno galego de modernización e mellora das infraestruturas sanitarias
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026
A Xunta colaborará co Concello de Padrón para acometer a mellora do centro de saúde desta localidade coruñesa, unha actuación que suporá un investimento de preto de 258.413 euros.
A tal fin o Servizo Galego de Saúde remitiu a proposta de texto do convenio ao Concello para acometer a reforma deste centro, que é de titularidade municipal e, polo tanto, é a administración local a quen lle corresponde o seu correcto mantemento. O convenio foi enviado esta mañá desde o Servizo Galego de Saúde ao Concello para a súa conformidade.
Para levar a cabo a reforma, o Concello de Padrón e a Xunta, por medio do Servizo Galego de Saúde, repartiranse ao 50 % o financiamento das obras que se van realizar, polo que cada administración fará unha achega de 129.206 euros.
Segundo se detalla no informe técnico achegado polo Servizo Galego de Saúde, as obras suporán a retirada das terras no perímetro do patio ata situalas por baixo da cota da carpintería, así como a limpeza e selado perimetral das mesmas, co fin de evitar a entrada de auga.
Ademais, farase unha rehabilitación integral das cubertas coa realización dunha nova impermeabilización, a mellora do illamento térmico, a execución da cuberta invertida mediante a reposición do pavimento existente, así como actuacións nas cubertas non transitables e nos beirados.
Xunto ao anterior, procederase á substitución completa do pavimento interior coa instalación dun novo pavimente vinílico de alta resistencia, antideslizante e apto para uso sanitario.
Ademais, levarase a cabo o pintado da escada metálica. O novo revestimento executarase mediante a aplicación dunha imprimación axeitada e un acabado final con esmalte de poliuretano.
Esta axuda da Xunta enmárcase dentro do obxectivo do Goberno galego de modernización e mellora das infraestruturas sanitarias e o equipamento, facendo os centros sanitarios máis eficientes, promovendo a economía circular e o respecto ao medio ambiente.
Corresponderá ao Servizo Galego de Saúde a coordinación das actuacións necesarias para garantir o mantemento e a continuidade asistencial durante o prazo de execución das obras. Pola súa parte, o concello será o responsable de redactar o proxecto de construción, ademais da licitación, adxudicación e execución das obras.