A Xunta destina 12.000 euros á melloras das instalacións da comunidade de Regantes de Blanco, en Meaño

Preto de 160 entidades da provincia de Pontevedra recibiron un total de máis de 1,7 millóns de euros para mellora das súas instalacións e compra de material

O delegado territorial destacou o importante papel deste tipo de entidades para evitar o éxodo dos lugares máis afastados das zonas urbanas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou as instalacións da Comunidade de Regantes A de Blanco, no concello de Meaño, que foi beneficiaria dunha axuda de 12.000 euros da Xunta para a mellora das súas infraestruturas.

Estas axudas, xestionadas pola dirección xeral de administración local, permitiron ampliar a caseta onde se alberga o depósito para mellorar a súa disposición e diminuír a cantidade de lixo que deterioraba os filtros.

Así, ademais de crear un novo espazo no lateral da antiga caseta, a comunidade de regantes renovou os filtros dos depósitos e instalou contadores individuais para cada usuario.

Cabe destacar que estas subvencións chegaron a un total de 160 entidades da provincia de Pontevedra, cunha achega global de máis de 1,7 millóns de euros entre a liña destinada á execución de obras e a orientada á compra de material.

Durante a visita, o delegado territorial felicitou aos voluntarios que “de forma totalmente desinteresada velan polos servizos e a comodidade dos seus veciños e veciñas” e asegurou que o seu traballo “é imprescindible para asentar poboación e impedir o éxodo das zonas máis afastadas dos núcleos urbanos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/02/2026