Javier Arias reafirma o compromiso da Xunta co Burela Fútbol Sala, ao que destina 97.500 euros
Burela (Lugo), 10 de febreiro de 2026
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, confirmou ao presidente do Burela Fútbol Sala, José Luis Sáez, que o Goberno galego “seguirá apoiando ao club como fixo sempre, do mesmo modo que eles seguen esforzándose en cada campionato e formando unha gran canteira desde a base”.
Durante unha visita ás súas instalacións, Arias explicou que a Secretaría Xeral para o Deporte achega na presente tempada 97.500 euros ao club, a maiores de apoios puntuais a encontros ou iniciativas concretas, para “respaldar o seu actual proxecto e o importante traballo que realizan, tanto cos primeiros equipos feminino e masculino como cos de categorías inferiores”.
A colaboración da Xunta resultou fundamental no difícil período de transición vivido polo club tras a perda do principal patrocinio privado que o sostiña, a finais do 2024. Sáez agradeceu este impulso, que axudou ao mantemento da entidade.