A Xunta publica as axudas de 2026 para as agrupacións forestais de xestión conxunta dotadas con 2,1 M€, un 50 % máis que no ano anterior

As achegas buscan facilitar a creación de novas agrupacións, apoiar a consolidación das xa existentes, incrementar a superficie forestal xestionada de forma conxunta e mellorar a capacidade organizativa, técnica e comercial destas entidades

Poden beneficiarse as asociacións sen ánimo de lucro, sociedades civís, cooperativas, sociedades agrarias de transformación, mercantís, de fomento forestal e outras entidades que teñan por obxecto a xestión conxunta de terras forestais en Galicia

Actualmente están en funcionamento 24 agrupacións, pero unha vez executada ao completo a convocatoria de 2025 estímase que se terán creado outras 40 novas, incorporando unha superficie forestal agrupada de máis de 4.800 hectáreas

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas para o fomento e apoio ás agrupacións forestais de xestión conxunta, dotadas cun orzamento de 2.125.000 euros para as anualidades de 2026 e 2027. Isto supón un incremento do 50 % con respecto á convocatoria anterior.

Estas axudas dispoñen de dúas liñas de subvención. Por un lado, a destinada a apoiar a creación de agrupacións forestais de xestión conxunta, distinguindo dúas modalidades, básica e con base territorial. Inclúese tamén a posibilidade de transformación de agrupacións básicas en agrupacións con base territorial, favorecendo así a evolución cara a modelos de maior integración. Por outra banda, a segunda liña de axudas diríxese ás agrupacións forestais de xestión conxunta con base territorial xa inscritas no rexistro correspondente, co obxectivo de apoiar a realización de novos procesos e actividades orientadas á súa consolidación.

Deste xeito, o que se persegue é facilitar a creación de novas agrupacións forestais; apoiar a consolidación das xa existentes; incrementar a superficie forestal xestionada de forma conxunta e mellorar a capacidade organizativa, técnica e comercial destas entidades.

Actualmente están en funcionamento 24 agrupacións, pero unha vez executada ao completo a convocatoria de 2025 estímase que se terán creado outras 40 novas agrupacións, incorporando estas unha superficie forestal agrupada de máis de 4.800 hectáreas, co que o número total de entidades rexistradas roldará as 65.

Beneficiarios

Poden beneficiarse destas axudas as asociacións sen ánimo de lucro, sociedades civís, cooperativas, sociedades agrarias de transformación, mercantís, de fomento forestal e outras entidades que teñan por obxecto a xestión conxunta de terras forestais en Galicia. A intensidade da axuda poderá acadar ata o 100 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 51.000 euros por entidade beneficiaria.

As actuacións subvencionables, que deberán executarse entre o 1 de xaneiro de 2026 e o 30 de xuño de 2027, abarcan un amplo conxunto de tarefas necesarias tanto para a creación como para a consolidación das agrupacións. Así, inclúen a identificación e impulso da iniciativa; os gastos de constitución e inscrición; a revisión do parcelario e investigación da titularidade; a elaboración de cartografía; a implantación de sistemas de certificación forestal e a mellora da gobernanza e xestión interna.

Actualmente están en funcionamento 24 agrupacións, pero unha vez executada ao completo a convocatoria de 2025 estímase que se terán creado unhas 40 novas, incorporando estas unha superficie forestal agrupada de máis de 4.800 hectáreas, co que o número total de entidades rexistradas roldará as 65.

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260210/AnuncioG0426-080126-0001_gl.html

Data de actualización: 10/02/2026