Arias pon en valor a contribución esencial da Xunta á rehabilitación da Fábrica da Luz, en Lugo

O Goberno galego destina 2 millóns de euros ao Plan de Sostibilidade Turística, que inclúe entre as súas accións a transformación do inmoble nun centro de enogastronomía

Lugo, 10 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, puxo hoxe en valor a “contribución esencial” do Goberno galego á recuperación do edificio da Fábrica da Luz, en Lugo, e lamentou que ese apoio sexa “completamente ignorado” polos representantes do Concello “nas sucesivas visitas e informacións que difunden” sobre o proxecto.

Neste senso, lembrou que a Administración autonómica destina 2 millóns de euros ao Plan de Sostibilidade Turística de Lugo, que engloba unha serie de accións para potenciar o municipio como un referente no turismo gastronómico e cultural e, entre elas, unha das principais é precisamente a rehabilitación da antiga Fábrica da Luz, na ribeira do Miño, para transformala nun centro de enogastronomía.

Arias explicou que “o compromiso da Xunta con este plan foi firme desde o primeiro momento, cunha achega decisiva sen a que non sería posible a súa posta en marcha nin o seu desenvolvemento”, ao tempo que incidiu en que “esta colaboración institucional debería basearse no recoñecemento mutuo e na transparencia”.

Lembrou que proxectos como o da Fábrica da Luz están xestionados de xeito directo polas entidades e concellos beneficiarios dos distintos Plans de Sostibilidade Turística en Destino pero “contan ademais co seguimento e asesoramento constante” por parte de persoal técnico da Xunta, a través de reunións periódicas para supervisar os seus avances.

O delegado territorial amosou, en todo caso, a satisfacción polo progreso das obras no inmoble, que se prevén rematar na próxima primavera, e que “permitirán recuperar un espazo emblemático de Lugo para o uso da cidadanía, apostando ademais pola enogastronomía como elemento diferenciador da oferta turística de Lugo e como motor dinamizador da economía local”.

Arias instou ao Concello a actuar “desde a lealdade institucional e o respecto entre administracións, especialmente cando falamos de proxectos estratéxicos coma este, que contan cun investimento público tan importante”.

Data de actualización: 10/02/2026