A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou hoxe na sesión de constitución deste órgano

A Xunta constitúe o Comité Técnico do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono para avanzar na posta en marcha do mercado galego

Este órgano colexiado de análise ten como obxectivo o de mellorar o desenvolvemento do sistema, así como elevar propostas de aprobación ou revisión das metodoloxías desta ferramenta

O sistema de créditos de carbono da Xunta funcionará de xeito similar a un mercado virtual no que se porá en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, participou hoxe na reunión constitutiva do Comité Técnico do Sistema Voluntario de Créditos de Carbono para avanzar na posta en marcha do mercado galego desta materia, concibido para compensar emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por proxectos que eviten ou capturen CO2.

Este comité de expertos constitúese como un órgano colexiado de análise, que ten como obxectivo o de mellorar o desenvolvemento do sistema, así como elevar propostas de aprobación ou revisión das metodoloxías desta ferramenta. De feito, este grupo de traballo -que estará formado por representantes da Administración autonómica, así como doutras administracións, entidades do sector privado e organizacións sociais-avaliará as aportacións recibidas, elaborará un modelo e remitirá unha proposta para a súa aprobación final.

Terá, polo tanto, un papel clave no desenvolvemento das correspondentes metodoloxías de cálculo, que serán o conxunto de criterios a aplicar na selección dos proxectos participantes no sistema e tamén se utilizarán para facer unha estimación obxectiva dos créditos que pode xerar cada un. A importancia deste desenvolvemento metodolóxico é clave xa que para que unha iniciativa se incorpore ao mercado de carbono e se recoñezan e comercialicen os seus créditos terá que acreditar antes que se axusta aos criterios fixados.

Neste sentido, Paula Uría lembrou que a Xunta lanzou o pasado mes de novembro unha manifestación de interese de cara a identificar os sectores prioritarios e estratéxicos na comunidade para impulsar este mercado. Nesa consulta -que estivo aberto á participación de empresas, entidades tanto públicas como privadas e cidadanía en xeral- recibiu un total de 37 aportacións, que o Executivo galego está a avaliar co obxectivo de deseñar ese instrumento e facer que o seu funcionamento sexa o máis eficiente posible.

En concreto, desas 37 achegas, 10 foron aportacións relacionadas con metodoloxías ou propostas para participar no desenvolvemento de fórmulas de cálculo das equivalencias de créditos de carbono e 25 sobre proxectos que se están a realizar ou nos que habería interese en participar para abordar metodoloxías que encaixasen en iniciativas concretas.

Mercado virtual

O futuro sistema de créditos de carbono da Xunta terá un funcionamento similar ao dun mercado virtual que busca poñer en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente e con independencia de que teñan ou non a obriga legal de compensar as súas emisións.

Deste xeito, Galicia será pioneira en España xa que contará co primeiro mercado voluntario de carbono destas características que, mediante a incorporación das novas tecnoloxías e de elementos innovadores, permita a empresas, entidades, organizacións e mesmo cidadáns realizar operacións de comercialización e velar polo seu seguimento posterior.

Neste sentido, aínda que o sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta ten como obxectivo principal contribuír a acadar a neutralidade climática de Galicia en 2040 —mediante o fomento de actividades que ou ben eviten a liberación de CO2 ou contribúan a aumentar a súa capacidade de absorbelo—, suporá tamén unha oportunidade de desenvolvemento económico e ambiental para o conxunto da comunidade en eidos como o forestal, a economía azul e a acuicultura ou o enerxético.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2026