A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu hoxe unha pregunta no pleno do Parlamento

A Xunta urxe ao Executivo central a remitir a Bruxelas o Plan social polo clima para que as comunidades poidan acceder ao seu financiamento

Ángeles Vázquez lamenta que o Goberno central aínda non presentase o plan -tiña de prazo ata o pasado 30 de xuño-, co que Galicia aspiraba a captar preto de 2.000 M€ para intensificar as accións no eido da descarbonización

O Goberno galego censura o escurantismo e a falta de respostas sobre esta cuestión e lembra que a Comisión Europea advertiu a España do perigo de perder eses fondos e do incumprimento doutras cuestións como a transposición da directiva sobre o novo réxime de comercio de dereitos de emisión, polo que xa foi apercibida

A conselleira avanza que se reunirá proximamente con representantes do Executivo comunitario para pedir información e coñecer todos os detalles sobre un asunto clave para poder avanzar na acción climática

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático contrapón a inacción do Executivo central coa vontade da Xunta de colocar Galicia á vangarda climática e de converterse nunha comunidade neutra en emisións en 2040, dez anos antes do obxectivo marcado pola Unión Europea

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, urxiu hoxe ao Goberno central a remitir canto antes o Plan social polo clima español a Bruxelas para que as comunidades autónomas poidan acceder a financiamento para desenvolver accións fronte ao cambio climático.

Durante a súa resposta a unha pregunta parlamentaria, a responsable autonómica lamentou que o Executivo central non presentase aínda este plan -tiña de prazo ata o pasado 30 de xuño- para acceder ao mecanismo europeo, co que Galicia aspiraba a captar preto de 2.000 millóns de euros para complementar e intensificar as accións que a Xunta está a desenvolver para avanzar na descarbonización.

A conselleira censurou o escurantismo e a falta de respostas do Goberno central, que impide ás comunidades autónomas acceder a uns fondos que son vitais na transición cara a unha sociedade neutra en emisións.

Ante esta situación, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático explicou que Galicia vai acudir ás institucións europeas para reclamar información e pedir que o Fondo Social polo Clima chegue ás rexións e á cidadanía que o precisa. Non pode ser, incidiu, que o inmobilismo do Executivo central prexudique ás galegas e galegos.

Neste sentido, lembrou que a Xunta remitiu en maio do ano pasado 62 proxectos relacionados coa acción climática que sumaban preto de 2.000 millóns de euros e que o desleixo do Goberno central pode frustrar proxectos para a elaboración de plans de mobilidade sostible, a mellora enerxética de edificios públicos e vivendas protexidas, a adquisición de vehículos híbridos e eléctricos ou a adquisición de taxis adaptados eléctricos no rural, entre outras moitas iniciativas.

Advertencia de Bruxelas

De feito, Ángeles Vázquez subliñou que a propia Comisión Europea está a advertir a España sobre o perigo de perder eses fondos e do incumprimento doutras cuestións como a transposición ao ordenamento xurídico español da directiva europea sobre o novo réxime de comercio de dereitos de emisión para os edificios, o transporte por estrada e outros sectores. Esa incorporación á lexislación española é fundamental para acceder ao financiamento do Fondo Social polo Clima, que precisamente pretende axudar na adaptación á normativa comunitaria.

De feito, o Executivo comunitario xa remitiu en 2024 unha carta de emprazamento ao Goberno central por non traspor a directiva europea -agora acumula máis de ano e medio de retraso-, o paso previo á apertura dun procedemento de infracción.

A conselleira contrapuxo a inacción do Executivo central coa vontade da Xunta de colocar Galicia á vangarda climática e de converterse en 2040 nunha rexión neutra en emisións, dez anos antes do obxectivo marcado por España e Europa. De feito, ese é un dos grandes obxectivos da Lei do clima, aprobada polo Parlamento galego o mes pasado e que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2026