Arias destaca o apoio transversal da Xunta para impulsar os recursos e proxectos que conforman a oferta turística da Mariña

O delegado territorial de Lugo subliñou na presentación da nova campaña do xeodestino a aposta polo Plan de Sostibilidade e as axudas para actuar na contorna ou para reformar establecementos 

Foz (Lugo), 11 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou hoxe que o Goberno galego impulsa na Mariña un modelo turístico baseado “na sustentabilidade, a calidade e o respecto pola identidade local”, o que se traduce nun apoio transversal aos recursos e proxectos que conforman a súa oferta.

Arias participou en Foz na presentación da nova campaña do xeodestino e na entrega de distincións a empresas da comarca adheridas ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destino. Actualmente forman unha rede de 39 establecementos e servizos que, segundo apuntou o delegado, “confirman co seu traballo diario o compromiso coa excelencia”.

Así mesmo, sinalou que A Mariña mantén una posición privilexiada no turismo de benestar, vinculado ás demandas do viaxeiro actual que busca calma, autenticidade e contacto co territorio; este é un dos obxectivos que potencia o Plan de Sostibilidade Turística, ao que a Xunta achega 1 millón de euros.

Na mesma liña, subliñou que o Goberno galego tamén reforza o atractivo do destino a través de axudas aos concellos para acondicionamento dos seus elementos turísticos e aos  establecementos de aloxamento e restauración para a modernización e mellora das súas instalacións, entre outras medidas.

A nova campaña que promove a Mancomunidade de Municipios leva por lema “A Mariña, unha viaxe á identidade” e rende homenaxe ás “Carolas” ou “Canoiras”, as turistas que descubriron a zona no século XIX e fundamentalmente nas primeiras décadas do século XX. Eran mulleres procedentes polo xeral do interior rural da provincia, que chegaban á costa nas primeiras semanas de setembro para darse 9 baños no mar durante 9 días consecutivos.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/02/2026