O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou hoxe na reunión do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, que abordou o financiamento do Marco Estratéxico de Atención Primaria e Comunitaria
A Xunta investirá preto de 12 M€ na mellora da atención primaria e dos centros de saúde, priorizando actuacións de eficiencia enerxética e climatización
O investimento enmárcase na estratexia de modernización e mellora das infraestruturas sanitarias e o equipamento do Servizo Galego de Saúde, para facer os centros sanitarios máis eficientes, promovendo a economía circular
Tamén se impulsarán accións orientadas á humanización da asistencia, do nacemento e da lactancia, ou a reforzar a capacidade diagnóstica das infeccións de transmisión sexual
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
A Xunta investirá 11,8 millóns de euros na mellora da atención primaria e dos centros de saúde, priorizando actuacións de eficiencia enerxética e de climatización, en liña coa estratexia do Servizo Galego de Saúde de modernización de mellora das infraestruturas sanitarias e o equipamento, co fin de facer os centros máis eficientes, promovendo a economía circular e o respecto ao medio ambiente.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou hoxe, de xeito telemático, na reunión do pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, no que se aprobou o reparto de fondos ás comunidades para o financiamento do Marco Estratéxico de Atención Primaria e Comunitaria.
Conforme coas liñas de actuación previstas nese Marco Estratéxico, a Consellería de Sanidade prevé levar a cabo actuacións de mellora en distintos centros de saúde, centradas na eficiencia enerxética e na mellor dotación de sistemas de climatización que permitan estar preparados para episodios máis extremos, como os episodios de calor, cada vez máis frecuentes, derivados do cambio climático.
O obxectivo destes fondos é, principalmente, renovar as infraestruturas e o equipamento clínico, en consonancia coa carteira de servizos de atención primaria, o incremento da capacidade resolutiva deste nivel asistencial e garantir unha atención integral.
Ademais, impulsaranse accións orientadas á humanización da asistencia, do nacemento e da lactancia, a reforzar a capacidade diagnóstica das infeccións de transmisión sexual ou á implementación das estratexias de saúde comunitaria.
Tamén, en liña de traballo dos últimos anos, seguirase potenciando a formación neste primeiro nivel asistencial, porta de entrada dos cidadáns á sanidade.
Unha vez aprobados estes fondos, a Consellería de Sanidade realizará unha planificación sobre as accións concretas que se levarán a cabo.