Medio rural avanza no impulso ao Observatorio de prezos de Galicia en colaboración co sector
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria visitou hoxe Mercagalicia e abordou cos seus responsables esta iniciativa, que se enmarca nas medidas de apoio ao eido primario galego diante do acordo UE-Mercosur
Tamén se tratou a loita contra o desperdicio alimentario, un asunto no que a Xunta está comprometida e vén actuando, en coordinación co sector e con outras administracións
Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2026
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, visitou este mediodía as instalacións de Mercagalicia, en Santiago de Compostela, para coñecer o funcionamento deste centro loxístico e manter un encontro cos seus responsables.
A reunión de traballo xirou arredor da posta en marcha, na que está traballando a Xunta, do Observatorio de Prezos de Galicia, no marco das medidas de apoio ao sector primario galego diante do acordo UE-Mercosur. O obxectivo desta iniciativa é facer un seguimento continuado dos prezos dos diferentes produtos agroalimentarios.
Ademais, nesta visita avanzouse en materia de loita contra o desperdicio alimentario, un asunto no que o Goberno galego está comprometido e vén actuando, en colaboración co sector e con outras administracións, para fomentar unha adecuada xestión e aproveitamento dos comestibles, co fin de frear o seu desproveito, en liña coas políticas nacionais e europeas sobre a materia.
Neste sentido, cómpre lembrar que Cerviño mantivo o mes pasado en Barcelona contactos con responsables e técnicos da Generalitat de Cataluña, para colaborar e coordinar esforzos dentro do labor a prol da sustentabilidade alimentaria.