Villaverde escoita as demandas dos comercializadores de anguía e reafirma o apoio da Xunta aos sectores ligados a esta especie

A conselleira do Mar analizou coa entidade nacional Aproang o impacto económico e social da proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica para prohibir a pesca desta especie

Santiago de Compostela, 11 de febreiro do 2026

 A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo hoxe unha reunión con representantes da Asociación Profesional da Pesca e Comercialización da Anguía (Aproang) para analizar a situación xerada pola proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) de iniciar os trámites para incluíla no catálogo de especies en perigo de extinción.

Durante o encontro, a titular de Mar escoitou as preocupacións trasladadas polo colectivo, especialmente polo impacto que esta medida podería ter sobre a actividade económica vinculada á comercialización e transformación do recurso. Segundo un informe da Universidade de Vigo aportado por Aproang, a cadea de valor da anguía ten un impacto total de 46,8 millóns de euros en España e xera, aproximadamente, 20,3 millóns de euros de valor engadido bruto.

Villaverde trasladou aos representantes da entidade nacional o compromiso do Goberno galego coa defensa dunha actividade que se desenvolve baixo estritos criterios de control, trazabilidade e sustentabilidade, e subliñou que Galicia conta cun modelo de xestión baseado en plans de explotación anuais que regulan o esforzo pesqueiro, as cotas e as condicións de captura.

A conselleira incidiu ademais na necesidade de que calquera decisión sobre a xestión da especie teña en conta a realidade socioeconómica do sector e se basee en análises científicas actualizadas e diferenciadas por territorios. Neste senso, reiterou que a Xunta continuará defendendo un modelo de aproveitamento responsable que permita compatibilizar a conservación do recurso co mantemento da actividade profesional.

A reunión enmárcase na rolda de contactos que a Consellería do Mar está a manter cos distintos actores da cadea de valor da anguía para analizar o alcance da proposta ministerial e reforzar a defensa dun sector con forte arraigamento social e económico en determinadas zonas de Galicia, como Arcade, Carril ou Ferrol.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 11/02/2026