Villaverde destaca o papel estratéxico dos portos na Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024-2027
A conselleira do Mar clausurou en Vigo o VII Worshop BPI promovido pola FAO
Vigo, 11 de febreiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, destacou o papel estratéxico dos portos da comunidade autónoma na Estratexia da Economía Azul de Galicia 2024-2027, pois son axentes decisivos na transición cara un modelo sostible e inclusivo, contribuíndo tanto á innovación tecnolóxica como á protección ambiental e ao desenvolvemento económico do litoral galego.
Dotada con 114 millóns de euros, esta acción impulsada polo departamento que dirixe será determinante para obxectivo de situar Galicia como referente neste ámbito, ao tempo que consolidará o liderado da comunidade como primeira potencia europea nos sectores pesqueiro e acuícola. E é que, tal e como sinalou a responsable autonómica, “non só é producir, senón como producir: con respecto ao mar, con innovación e con visión a longo prazo”.
A titular de Mar clausuraba así o VII Worshop BPI, promovido pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO). Unha acción incluída na iniciativa Portos Azuis, da que forma parte a Xunta e que está destinada á transformación dos portos pesqueiros en motores de crecemento económico, social e medioambiental, a través da mellora da eficiencia operativa destas infraestruturas e da posta en marcha de prácticas inclusivas e sostibles que beneficien ás comunidades costeiras locais.
O obradoiro remata mañá xoves e inclúe distintas actividades e visitas de campo a peiraos de grande, mediano e pequeno tamaño, o que permitirá aos participantes recompilar leccións aprendidas e identificar oportunidades e mellores prácticas. É o caso das lonxas de Campelo e Tragove, nas que a Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 650.000 e 1,4 millóns respectivamente para a renovación integral e modernización de instalacións.