As unidades móbiles da ADOS facilitan a participación da veciñanza de preto de 40 concellos galegos nestas xornadas de entroido

A Axencia lembra a necesidade de obter máis de 400 doazón diarias, facendo especial fincapé na necesidade de aumentar a participación dos doantes cos grupos  A Positivo, A Negativo, Cero Positivo, Cero Negativo e B Positivo

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026

As unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán, ata o mércores 18 de febreiro, ao redor de 40 concellos co obxectivo de favorecer a participación dos cidadáns nas campañas de doazón de sangue. ADOS lembra que os períodos vacacionais, como o Entroido, poden coincidir unha diminución na participación dos doantes habituais.

Así mesmo, as inclemencias meteorolóxicas que estamos a vivir nos últimos meses, repercuten na participación da cidadanía nas campañas de doazón de sangue, polo que a Axencia reforza o seu permanente chamamento á colaboración dos nosos doantes. Neste sentido, salientar que son necesarias doazóns de todos os grupos sanguíneos pero, especialmente, do A Positivo, A Negativo, Cero Positivo, Cero Negativo e B Positivo.

A ADOS, coñecedora do carácter solidario da cidadanía galega, quere, nesta semana na que as festas de Entroido chegan aos concellos galegos, agasallar aos doantes. Deste xeito, o vindeiro martes 17 de febreiro, todas as persoas que acudan a doar serán obsequiadas cun agasallo especial consistente en rosquillas, un doce típico do Entroido galego.

Actividade asistencial

A ADOS lembra que, diariamente, son precisas máis de 400 doazóns para abastecer cos compoñentes sanguíneos que necesitan os hospitais galegos para desenvolver axeitadamente o seu labor asistencial.

Cada día, os hospitais galegos atenden unha media de 2.800 urxencias, realizan 800 intervencións cirúrxicas e un transplante de órganos, así como realizan 1.600 atencións nos hospitais de día. Unha elevada porcentaxe desta intensa actividade asistencial precisa do sostemento de compoñente sanguíneos que só é posible obter da doazón de sangue.

Co obxectivo de incrementar a participación dos doantes, a ADOS está a realizar un importante esforzo organizativo, achegando as unidades móbiles de doazón de sangue ata preto de 40 concellos galegos.

Desde a Axencia anímase a doar sangue a todos os galegos e galegas, polo que lembra que as unidades móbiles da ADOS efectuarán os seguintes desprazamentos:

DATA

DESPRAZAMENTOS

Xoves 12 de febreiro

Betanzos, Navantia (Fene), CIFP Ánxel Casal e Cantón-Obelisco (A Coruña), Mesía, Bembibre (Val do Dubra), IES Campo de San Alberto (Noia), IES María Sarmiento (Viveiro), Viveiro, CIFP Portovello (Ourense), CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa), Colexio San Miguel e Stellantis (Vigo),

Venres 13 de febreiro

Arteixo, Betanzos, Santa Cruz de Oleiros, Noia, Tordoia, O Carballiño, Lalín, Marín e Redondela

Sábado 14 de febreiro

Arteixo, Noia, Lalín, Marín e Redondela

Luns 16 de febreiro

Praza de España (Ferrol), Cambre, Laxe, Padrón, Sigüeiro (Oroso), Monforte, Pobra de Trives, Barrio do Paseo (Ourense), Nigrán, O Grove e Barrio As Travesas (Vigo).

Martes 17 de febreiro

O Burgo (Culleredo), Barrio Os Mallos (A Coruña), Negreira, Pontedeume, Area Central-Fontiñas (Santiago de Compostela), Monterroso, Praza da Mariña (Ourense), Clavo (Caldas de Reis), Pontecesures e Barrio do Calvario e Barrio Residencial Navia (Vigo).

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.

Data de actualización: 12/02/2026