O Servizo Galego de Saúde publica a relación provisional das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario

Xeráronse un total de 29.018 inscricións e resultaron admitidos 28.624 aspirantes

O total de aspirantes admitidos por categorías foron: 12.424 en enfermeiro, 916 en enfermeiro do 061 e 15.284 en técnico en coidados auxiliares de enfermería

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica, na súa edición de hoxe, unha Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, na que se dá a coñecer a relación provisional coa orde de prelación e a puntuación obtida polos aspirantes admitidos no proceso de elaboración das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario: enfermeiro, enfermeiro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e técnico en coidados auxiliares de enfermería.

Xeráronse un total de 29.018 inscricións e resultaron admitidos 28.624 aspirantes. O 7,52 % foron novas inscricións realizadas despois da data límite de presentación do anterior proceso. Só resultaron excluídas o 1,36 % das solicitudes.

O total de aspirantes admitidos por categorías foron: 12.424 en enfermeiro; 916 en enfermeiro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061; e 15.284 en técnico en coidados auxiliares de enfermería.

O número de novas inscricións en relación ao pasado ciclo é de 796 en enfermeiro; 62 en enfermeiro da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061; e 1.326 en técnico en coidados auxiliares de enfermería.

As listas atópanse publicadas, á disposición dos interesados, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), no apartado Emprego Público-Listaxes de persoal estatutario. Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo aspirante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Os interesados poderán presentar reclamación ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade no prazo de dez días hábiles, ata o 27 de febreiro.

Data de actualización: 12/02/2026