A Xunta anima a solicitar as axudas ás persoas traballadoras autónomas que inclúen o Bono Remuda para garantir o mantemento e futuro dos negocios
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais visitou hoxe en Pontevedra un negocio de copistería e reprografía beneficiario do Bono Remuda, medida que na convocatoria única para autónomos de 2026 (40,7 M€) se eleva un 20 % ata os 1,5 M€
Pablo Fernández lembrou que ata o 30 de setembro se poden solicitar as achegas para o inicio, mantemento, consolidación ou reactivación da actividade, e tamén os apoios á contratación indefinida por parte deste colectivo (1,3 M€)
Destacou que a orde única incorpora a cota cero para novas altas —que se amplía a dous anos para quen inicie actividade na agricultura, gandaría ou silvicultura—, o Bono Nova Oportunidade, o Bono Autónomo e axudas á conciliación familiar
Pontevedra, 12 de febreiro de 2026
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, animou hoxe ás persoas traballadoras autónomas a solicitar —deica o 30 de setembro— as achegas dirixidas ao inicio, consolidación, mantemento ou reactivación da actividade, contempladas nunha orde única dotada con 40,7 M€ que eleva o Bono Remuda un 20 % ata os 1,5 millóns de euros. Así o dixo durante a visita a un negocio de copistería e reprografía beneficiario precisamente dese Bono Remuda, onde destacou que esta medida está destinada a garantir o mantemento e futuro dos negocios que funcionan. Nesa liña, salientou que neste caso o responsable de MS Diseño non só colleu o testemuño da empresa precedente senón que, co propósito de adaptarse ás novas demandas, ofrece servizos de deseño gráfico, editorial e web, ademais de impresión 3D, corte e gravado en láser para madeira e metal.
O secretario xeral aproveitou a visita para apuntar que coa orde única para autónomos se prevé beneficiar 8.700 persoas autónomas en toda Galicia, ás que se engaden as 160 persoas desempregadas que se estima contratar grazas aos apoios á contratación indefinida por parte deste colectivo (1,3 M€) que tamén teñen o prazo de solicitude aberto deica o 30 de setembro. A maiores, pódense solicitar ata o 4 de marzo as axudas ás asociacións de autónomos (350.000 €).
Detalles das axudas abertas
Fernández puxo en valor que a orde única abarca cinco programas e inclúe novidades no de promoción de emprego autónomo (28,9 M€), ao ampliarse a dous anos a cobertura da cota cero aos autónomos que inicien a súa actividade asociada á agricultura, gandaría ou silvicultura, fronte aos 12 meses da liña xeral. Máis aló do mencionado Bono Remuda (1,5 M€), a convocatoria contén tamén o Bono Nova Oportunidade (1,5 M€), para retornar ao autoemprego; o Bono Autónomo (8 M€), axudas a investimentos e melloras en negocios con máis de 42 meses activos; e á conciliación familiar (750.000 €).
Canto ás axudas á contratación e á formación de persoas desempregadas por parte dos propios autónomos en Galicia, perseguen apoiar en concreto a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador e inclúe dous tipos de axudas compatibles: os bonos de contratación e de formación para impulsar a cualificación das persoas empregadas. No caso dos destinados ao funcionamento das asociacións de autónomos, sinalou que se busca apoiar o movemento asociativo do colectivo.