A Xunta reforza a coordinación coas asistencias técnicas do sector marisqueiro ao constatar a mala situación provocada polas intensas choivas
A conselleira do Mar inaugura unha xornada formativa sobre o procedemento para avaliar a mortalidade nos bancos marisqueiros
Tras o estudo dos datos da última semana, non se descarta que as consecuencias da elevada pluviosidade superen as rexistradas no ano 2023
Santiago de Compostela, 12 de febreiro do 2026
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou hoxe na Escola Galega de Administración Pública (Egap) unha xornada formativa para reforzar o sistema de coordinación coas asistencias técnicas do sector marisqueiro ao constatar a mala situación dos moluscos bivalvos provocada polas intensas choivas das últimas semanas e en previsión de que as consecuencias en forma de mortalidade superen as rexistradas no ano 2023.
Na última semana, a Consellería do Mar intensificou os contactos co sector, con xuntanzas como a que mantivo a conselleira a comezos de mes cos presidentes das federacións de confrarías de pescadores, para valorar os posibles escenarios se non remitían os temporais.
A iniciativa, impulsada pola Consellería do Mar, ten como finalidade reforzar a preparación técnica e a coordinación entre a Administración e o sector ante esta situación derivada de episodios de elevada pluviosidade, que poden afectar á salinidade das rías e, en consecuencia, á supervivencia dos recursos.
A sesión, que contou coa participación de técnicos da Consellería, asistencias técnicas das confrarías e persoal do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), serviu para afondar na metodoloxía que permitirá analizar de xeito homoxéneo o impacto destes fenómenos meteorolóxicos nos bancos marisqueiros galegos.
O procedemento, elaborado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), establece unha metodoloxía común para avaliar posibles mortalidades derivadas da diminución da salinidade nas rías, que está directamente vinculado á elevada pluviosidade e ás variacións nos caudais fluviais. O seu obxectivo é facilitar a comparación dos resultados entre diferentes zonas e mellorar a toma de decisións na xestión dos recursos marisqueiros.
Durante a xornada, na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, abordouse, ademais, o uso de diversas fontes de datos e ferramentas informáticas que permiten analizar parámetros como as precipitacións, a salinidade ou aforos dos ríos, así como optimizar o deseño das campañas de avaliación de stock tras episodios adversos.