A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, reuniuse con xefes provinciais da AXI e cos xefes de conservación e mantemento das estradas autonómicas

Allegue pon en valor a planificación da Xunta e o orzamento histórico para a conservación e o mantemento dos 5.500km de estradas autonómicas

A conselleira lembrou que a finais de 2026 a Xunta renovou o contrato de conservación ata 2029, cun orzamento de 176M€, un 31% máis con respecto ao último contrato

Fixo fincapé en que só en conservación ordinaria o Goberno galego inviste de media 32.105 euros por cada quilómetro de estrada

Apuntou que para as tarefas de vixilancia e conservación de estradas hai 325 traballadores nas 4 provincias, 135 vehículos e 400 máquinas pesadas e lixeiras, aos que se suman os 300 profesionais da AXI

Remarcou para este ano unha partida dos Orzamentos que suma máis de 71M€ para actuacións no ámbito da conservación das estradas

Subliñou que están licitadas obras de reforzos de firmes por 20M€, xa en execución en 12 estradas de 19 concellos e avanzou que proximamente se sumarán outros 5 proxectos por máis de 22M€

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025

Allegue pon en valor a planificación da Xunta e o orzamento histórico de 71M€ para a conservación e o mantemento dos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto coa directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, mantivo hoxe unha reunión cos xefes provinciais da AXI e cos xefes de conservación e mantemento das estradas autonómicas.

Os técnicos expuxeron os labores que realizan a diario para asegurar o mantemento das estradas autonómicas: vixilancia, accións de vialidade invernal en situacións de meteoroloxía adversa ou atención ás emerxencias ou accidentes. Destacaron tamén traballos de limpeza, drenaxe, sinalización, roza ou actuacións sobre os firmes.

Lembrou que a finais do ano pasado a Xunta renovou o contrato de conservación ordinaria ata o ano 2029, cuxo importe ascende aos 176M€. Detallou que este orzamento histórico se ten incrementado en máis dun 31% con respecto ao último contrato.

Fixo fincapé en que só en conservación ordinaria o Goberno galego inviste de media 32.105 euros por cada quilómetro de estrada.

Apuntou que para a realización das tarefas de vixilancia e conservación ordinaria a Xunta conta con 325 traballadores distribuídos nas catro provincias, 135 vehículos de transporte e 400 máquinas pesadas e lixeiras.

Engadiu tamén para este ano 2026 unha partida dos Orzamentos que suma máis de 71M€  para actuacións no ámbito da conservación das estradas.

Nesta partida inclúense, por exemplo, os reforzos de firme “extraordinarios”. Xa están licitadas obras de reforzos de firmes por uns 20M€, con actuacións xa en execución en 12 estradas de 19 concellos do Salnés, Baixo Miño, A Coruña e Ourense.

Avanzou que proximamente se sumarán outros 5 proxectos máis que se licitarán o antes posible e  que suman un investimento de máis de 22M€.

A conselleira concluíu agradecendo a todo o persoal implicado o seu esforzo e traballo e pediu tamén prudencia aos usuarios das estradas, tanto condutores como peóns.

Plan de Vialidade invernal

Por outra banda, no encontro fíxose balance do operativo de vialidade invernal despregado pola Xunta desde novembro.

No que se refire ao consumo de fundentes desde o inicio da campaña ata agora, na zona de Pontevedra norte xa se empregaron 650 tn; Pontevedra Sur, 176,7 tn; A Coruña, 374 tn; Ourense, 840 tn; Lugo Norte, 855 tn de sal e 273.000 litros de salmoira; e Lugo Sur, 1.882 tn de sal e 347.000 litros de salmoira.

Cómpre destacar como datos relevantes que na zona de Lugo sur xa se utilizou o mesmo volume de fundentes que nos últimos catro anos xuntos. No caso de Ourense, no que vai de campaña, xa se rexistraron máis da metade das incidencias dos últimos 5 anos.

En canto ás incidencias provocadas polos temporais, os coordinadores reportaron que a maioría debéronse á caída de árbores na calzada e outros elementos coma contenedores ou sinais; balsas de auga e desprendementos de terra, sen maiores consecuencias. Neste sentido, a conselleira subliñou que o corte dun carril na AG-57 manterase probablemente ata a semana que vén, “ata que se poida garantizar a seguridade na circulación”. No que respecta ao corte dun carril na AG-46, no Morrazo, tamén continúa mentres se avanza na limpeza e na avaliación das solucións a adoptar para a reparación do noiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026