Así o destacou o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, no marco da Comisión 5ª do Parlamento de Galicia
O Servizo Galego de Saúde defende un modelo de atención integral e domiciliaria para dar unha mellor resposta ás necesidades sanitarias da provincia Ourense
O xerente do Sergas avoga pola continuidade nos coidados, a coordinación entre niveis asistenciais, a prevención e a proximidade para dar resposta aos retos de envellecemento e a dispersión xeográfica da poboación
A provincia de Ourense conta coa maior rede de equipos de soporte de atención domiciliaria (ESAD) de toda Galicia que levan realizado xa máis de 49.000 consultas
Tamén conta coa rede de centros de saúde máis ampla de Galicia, o que facilita a accesibilidade ao sistema sanitario e resulta clave para a prevención das enfermidades e a detección precoz da fraxilidade
A Consellería de Sanidade realizará neste 2026 a pilotaxe do Plan Galego do Paciente Crónico Complexo
Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, defendeu esta mañá no Parlamento de Galicia o modelo de atención integral e domiciliaria que a Xunta está a desenvolver na provincia de Ourense para garantir unha atención de calidade a súa poboación maior.
No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, o responsable sanitario rexeitou a idea de crear un servizo hospitalario que se cinga unicamente aos coidados dos maiores e avogou por seguir a implementar unha estratexia de carácter multidisciplinar que faga fronte aos retos que presentan factores como a dispersión xeográfica ou a alta taxa de envellecemento coa que conta a provincia ourensá.
Neste senso, puxo en valor o despregamento de recursos cos que conta actualmente a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, apuntando que este modelo “garante que ningún paciente maior quede desatendido”.
Recursos para un modelo integral e multidisciplinar
Durante a súa intervención, Parada subliñou que a provincia de Ourense conta coa maior rede de Equipos de Soporte de Atención Domiciliaria (ESAD) de toda Galicia, cun total de 7, e xa levan realizadas máis de 49.000 consultas.
Así, destacou a boa coordinación existente entre estes equipos, os servizos de Medicina Interna dos tres hospitais da provincia e as unidades de Hospitalización a Domicilio (HADO).
O xerente do Sergas lembrou que nestes intres en Galicia estanse a formar un total de 14 residentes cuxas especialidades están vinculadas á atención xeriátrica.
“Seguiremos reforzando recursos, formando especialistas, ampliando dispositivos domiciliarios e implantando o Plan do Paciente Crónico Complexo”, abundou Parada, en alusión á nova folla de ruta que a Xunta está a ultimar para atender a poboación galega de maior idade.
Na mesma liña, destacou que a provincia de Ourense conta coa rede de centros de saúde máis ampla de Galicia, un entramado que facilita a accesibilidade ao sistema sanitario e que resulta clave para a prevención das enfermidades e a detección precoz da fraxilidade.
“O reto da sanidade en Ourense non é menor, é estrutural” apuntou Parada, remarcando que tamén pode ser unha oportunidade para consolidar un modelo centrado na persoa, preventivo e coordinado, que converta o envellecemento nun indicador de progreso e non nun factor de desigualdade”.