Villaverde reitera a petición ao Goberno central de rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros para impulsar o seu consumo

A conselleira do Mar subliña a necesidade de avanzar cara a uns tipos impositivos que favorezan unha alimentación saudable e sostible e que impulse o sector marítimo-pesqueiro galego

Santiago de Compostela, 12 de febreiro do 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reiterou hoxe a necesidade de que o Executivo estatal rebaixe o IVE dos produtos pesqueiros, unha demanda persistente do conxunto da cadea mar-industria galega que, segundo subliñou, permitiría favorecer hábitos de alimentación saudable e reforzar un sector estratéxico para Galicia.

A responsable autonómica insistiu nesta petición durante a inauguración da xornada A fiscalidade dos alimentos: retos e realidade no sector primario, organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración co Consello Económico e Social. Tamén incidiu en que o peixe, o marisco e as conservas constitúen alimentos de alto valor nutricional e recordou que Galicia leva anos defendendo que deben ser considerados produtos básicos tamén desde o punto de vista fiscal.

Neste liña, lamentou a negativa reiterada do Goberno central a aplicar esta medida, que contribuiría a mellorar o acceso da cidadanía a alimentos saudables e a fortalecer a competitividade do sector. Unha xestión que contrapuxo ao compromiso da Xunta coa promoción do consumo dos produtos do mar a través de iniciativas como o Bono Peixe, que permitiu mobilizar arredor de 11 millóns de euros e favorecer o incremento do consumo destes alimentos. Ademais, destacou que Galicia mantén niveis de consumo de peixe, marisco e conservas superiores á media estatal grazas ás políticas impulsadas polo Goberno galego.

Durante a súa intervención, tamén sinalou que a fiscalidade alimentaria constitúe unha ferramenta clave para orientar as decisións de compra cara a opcións máis saudables e sostibles, ao tempo que apoia o desenvolvemento económico e social das zonas costeiras.

A xornada reuniu a expertos en fiscalidade e representantes da cadea alimentaria para analizar o impacto das políticas impositivas no consumo e no custo dos alimentos, así como os retos derivados das políticas comerciais internacionais e da evolución dos mercados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026