A Xunta súmase ao acto organizado en Lugo por Fegerec para sensibilizar sobre as enfermidades raras

Arias destaca que o Sergas inviste preto de 181.500 euros para dotar ao Hula dun sistema de rehabilitación de marcha robótico co fin de mellorar a atención aos pacientes con este tipo de doenzas, incluída a ELA

Lugo, 12 de febreiro de 2026

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, sumouse hoxe ao acto organizado en Lugo pola Federación Galega de Enfermidades Raras (Fegerec) ante a próxima conmemoración do Día Mundial adicado a estas doenzas, que se celebra o 28 de febreiro.

O centro sociocultural O Vello Cárcere acolleu un acto simbólico para sensibilizar e visibilizar o impacto destas afeccións na vida dos pacientes e das súas familias.

Arias destacou que o pasado verán a Xunta aprobou a nova Estratexia en enfermidades raras 2025-2030, que ten como prioridade mellorar a accesibilidade aos diagnósticos avanzados e aos tratamentos. Neste momento estase a traballar co obxectivo de reducir os tempos de diagnóstico xenético.

Así mesmo, a Consellería de Sanidade adxudicou a adquisición de diverso equipamento de última xeración destinado ás unidades de rehabilitación do Servizo Galego de Saúde co fin de mellorar da atención a doentes con enfermidades raras, incluída a ELA.

Con cargo a este contrato, a Xunta dotará aos servizos de rehabilitación do Hula dun sistema de rehabilitación de marcha robótico que ten un custo de 181.439,50 euros. A finalidade é reforzar os recursos para ofrecer aos pacientes da área sanitaria un adecuado tratamento sen ter que realizar desprazamentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/02/2026