A Xunta destaca o labor da Casa de Santa Marta de Ortigueira de Miami á hora de garantir a continuidade da galeguidade nos Estados Unidos

Miami (Estados Unidos), 13 de febreiro de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, continúa a súa viaxe aos Estados Unidos e vén de manter un encontro cun grupo de socios da Casa de Santa Marta de Ortigueira en Miami, unha entidade centrada na cultura, no ocio e na beneficencia fundada en 1972 por galegos procedentes de Cuba. Recoñecida como centro colaborador da galeguidade, a sociedade conta con arredor de 400 persoas socias, máis da metade delas galegas. Durante a visita, o secretario xeral tivo tamén ocasión de coñecer de primeira man á nova directiva da entidade, nun encontro que serviu para intercambiar impresións sobre a súa etapa actual e os proxectos de futuro.

Miranda puxo de relevo a traxectoria de Couzo García, xa que antes de vivir en Miami fora fundador da Sociedade de Naturais de Ortigueira na Habana. Así mesmo, destacou que —en beneficio da comunidade galega e hispano-galega de Miami— a Casa de Santa Marta de Ortigueira promove a nosa cultura a través da organización de distintos eventos, ademais de iniciativas como a escola de baile ou o coro Aires da Terra. Tamén salientou o papel da entidade como punto de encontro para as persoas de orixe galega e descendentes de emigrantes, así como para quen queira achegarse á cultura galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2026