Un total de 115 universitarios que remataron o grao no curso 2024/25 poderán obter os premios fin de carreira da Xunta
A Consellería de Educación ten aberto ata o 26 de febreiro o prazo para solicitar esta distinción, que vai acompañada dunha dotación económica de 3.500 €
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2026
Un total de 115 alumnos que remataron o grao no curso 2024/25 no Sistema Universitario de Galicia poderán obter os premios fin de carreira que convoca a Xunta de Galicia. O obxectivo destes galardóns é recoñecer o esforzo, traballo e dedicación dos estudantes cunha excelente traxectoria académica.
O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 26 de febreiro. Deberán facerse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O diploma acreditativo desta distinción vai acompañado dun premio económico de 3.500 €, para o que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina un total de 402.500 € a esta convocatoria.
Poderá solicitar estes premios o alumnado que rematase a carreira no curso 2024/25 e cursase de forma íntegra os estudos da titulación do Sistema Universitario de Galicia pola que opta ao premio, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e a 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.