Coa presenza en citas sectoriais para públicos profesionais e non profesionais

Turismo de Galicia mantén o seu compromiso coa promoción exterior participando en cinco feiras do sector este mes de febreiro

Galicia pechou 2025 cun incremento dos turistas internacionais do 3,5% sendo Estados Unidos un dos mercados que máis medrou cunha suba do 10,4%

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2026

Turismo de Galicia participará na segunda quincena de febreiro en cinco feiras do sector. A presenza nestas citas forma parte da estratexia de promoción exterior e internacionalización do destino da Xunta. Así  do 13 ao 15 de febreiro celébrase en Utrech (Países Baixos) a feira especializada en cicloturismo e sendeirismo Fiets en Wandelbeurs, que conta con seccións específicas como a praza dos peregrinos. Nela, Turismo de Galicia contará cun módulo no espazo que levará Turespaña. Está aberto a público xeral e profesional.

Turismo de Galicia tamén participará en f.re.e 2026. Esta cita para profesionais e público xeral desenvolverase en Múnic (Alemaña) entre o 18 e 22 de febreiro. Constitúe un dos principais eventos para públicos profesionais e xerais en turismo do país, con máis de 125.000 visitantes na súa última edición. Tamén aquí Turismo de Galicia contará cun espazo propio dentro do stand de Turespaña.

Entre o 20 e o 22 de febreiro celebrarase en Pamplona Navartur, a Feira Internacional de Turismo Reyno de Navarra. Con 52.000 asistentes en 2025, a cita preséntase como o evento comercial líder para a industria de viaxes no norte do país. Galicia asistirá cun stand de deseño 48m2, co que atender a visitantes profesionais e non profesionais.

Para os dous públicos está tamén pensado o Better Tourism Lisbon Travel Market, coñecido como BTL 2026. Entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo desenvólvese en Lisboa esta feira, que goza da consideración de principal cita en turismo de Portugal. Turismo de Galicia participará co seu espazo de 48m2.

Péchase febreiro con outra cita centrada nunha modalidade específica de turismo: a Feira Internacional de Turismo Ornitolóxico FIO 2026. Esta celebrarase no Parque Nacional de Monfragüe, en Villarreal de San Carlos (Cáceres) entre o 27 de febreiro e o 1 de marzo. Galicia contará cun stand tipo modular no que presentar a súa oferta neste tipo de turismo.

Internacionalización

A relevancia da internacionalización do turismo como vía de dinamización queda presente nos últimos datos turísticos, correspondentes á información publicada polo INE respecto ao aloxamento hoteleiro en 2025. Nos últimos doce meses, Galicia rexistrou 7,3M de viaxantes -un 2,3% máis que en 2024- e 13,5M de pernoctacións -un 1,9% máis. O mercado internacional creceu un 3,5% en 2025, con especial impulso da poboación proveniente de Estados Unidos, que se incrementou nun 10,4% e xa constitúe o segundo mercado, só por detrás de Portugal, con 253.861 visitantes.

Con estes datos, os ingresos do sector subiron ata a cifra récord de 451,2M€, un 5,2% máis que en 2025. As persoas residentes no estranxeiro son, ademais, as que máis gasto medio fan, con 141,17 euros por persoa e día.

Destaca ademais a componenda internacional no Camiño de Santiago, que acadou en 2025 cifras récord, con 530.987 Compostelas recollidas -un 6% máis. Destas, o mercado internacional supón o 57%, con 297.557 Compostelas a camiñantes de fóra de España -un 6,2% máis-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2026