A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou nunha xornada sobre a xestión dos fenómenos meteorolóxicos adversos
A Xunta salienta que a boa coordinación dos equipos de predición e xestión de emerxencias de Galicia reduciu o impacto dos temporais rexistrados no que vai de ano
O Executivo galego pon en valor a colaboración entre MeteoGalicia, Augas de Galicia e a Axencia Galega de Emerxencias, que foi fundamental para predicir con antelación a chegada de choivas intensas, o comportamento dos ríos e o risco de inundacións
Ángeles Vázquez destaca que a situación de encadeamento de borrascas desde xaneiro é extraordinaria pois só houbo catro días sen ningún aviso meteorolóxico, unha situación que pon a proba os sistemas, estruturas e equipos humanos
A comunidade rexistrou no mes de xaneiro valores de precipitación media que duplicaron os habituais neste período e o 26 de xaneiro MeteoGalicia activou o primeiro aviso vermello por choivas nos seus máis de 25 anos de historia
A auga caída desde o 1 de xaneiro en territorio galego superou os 14.300 hectómetros cúbicos, unha cantidade equivalente á necesaria para cubrir o consumo dos fogares galegos durante máis de 100 anos
A conselleira lembra que conxugar a tecnoloxía cos equipos humanos é fundamental para ter datos e estar preparados para actuar ante o extraordinario, como os máis de 231 avisos das estacións de aforo dos ríos, que desencadearon 1.300 actuacións
O 112-Galicia xestionou mías de 7.600 incidencias relacionadas cos temporais, mobilizando en máis de 21.000 ocasións os servizos de emerxencias
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe nunha xornada sobre a xestión dos fenómenos meteorolóxicos adversos na que destacou a boa coordinación dos equipos de predición e xestión de emerxencias de Galicia, pois permitiu reducir o impacto e os danos ao conxunto da cidadanía dos temporais rexistrados no que vai de ano.
A responsable autonómica puxo en valor que a colaboración entre os diferentes departamentos da Xunta -MeteoGalicia, Augas de Galicia e a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) foi fundamental para predicir con anticipación a chegada de choivas intensas, o comportamento dos ríos e o risco de inundacións, entre outras cuestións. Esa coordinación fixo posible xestionar con eficacia as consecuencias derivadas das sucesivas borrascas que se encadearon desde o pasado 1 de xaneiro.
A conselleira salientou que a situación vivida nestes 44 días de 2026 é extraordinaria, nada habitual, pois unicamente houbo catro xornadas sen ningún aviso meteorolóxico. Un escenario, dixo, que pon a proba calquera sistema, estrutura ou equipo humano. De feito, houbo numerosos avisos no mar e en terra, por neve, vento, tormentas e choiva.
Para exemplificar o extraordinario deste río de borrascas que afecta a Galicia, Ángeles Vázquez aportou datos como que a comunidade rexistrou no mes de xaneiro valores de precipitación media que duplicaron os habituais neste período e que o 26 de xaneiro MeteoGalicia activou por primeira vez na súa historia -máis de 25 anos- un aviso vermello por precipitacións en Galicia.
Nesta liña, as choivas rexistradas en territorio galego desde o 1 de xaneiro superaron os 14.300 hectómetros cúbicos, unha cantidade equivalente á necesaria para cubrir o consumo de auga dos fogares galegos durante 113 anos, tendo en conta que cada galego consume unha media de 128 litros ao día.
Trátase dun volume de auga inusual que, destacou a conselleira, tiveron que absorber, canalizar e xestionar, entre outros, os encoros, ríos e leitos fluviais da comunidade. De feito, o caudal dos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa aumentou máis dun 300% a nivel global e a oito meses de rematar o ano hidrolóxico -de outubro de 2025 a setembro de 2026- xa se acadou o 50% das achegas medias históricas.
Avisos aforo ríos
Neste sentido, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático subliñou que nestes 44 días as estacións de aforo dos ríos emitiron avisos en 231 ocasións, o que derivou no envío de 1.300 correos electrónicos e en 1.300 momentos nos que diferentes equipos foron mobilizados para avisar, comunicar e coordinar. “Cada un deses correos representa unha decisión tomada, unha acción preventiva, unha vida e unha vivenda protexida. Conxugar a tecnoloxía cos equipos humanos é fundamental para ter datos e estar preparados para actuar ante o extraordinario”, asegurou Ángeles Vázquez.
Por iso, agradeceu o labor dos técnicos de MeteoGalicia -que vixían a traxectoria das borrascas-, da Axega -que están no centro das operacións coordinando respostas- e de Augas de Galicia, que coñecen perfectamente as canles fluviais da comunidade. “A tecnoloxía avísanos, danos datos e permítenos predicir, pero son os nosos equipos os que estiveron estes días vixiando, anticipando, actuando e tomando decisións en tempo real como pechar estradas, abrir comportas ou cando chamar aos concellos para que activen os seus protocolos de emerxencias”, engadiu a conselleira.
A responsable autonómica, que estivo acompañada pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e polo xerente da Axega, Marcos Araújo, explicou que este tipo de situacións poden darse con maior frecuencia no futuro polo cambio climático e que é necesario estar preparados para facerlle fronte.
Neste sentido, lembrou que Galicia conta coa súa primeira Lei do clima, que se publicou no Diario Oficial de Galicia este mércores e entrará en vigor o vindeiro 3 de marzo, e que xa está a traballar en instrumentos como a actualización do Plan de xestión do risco de inundacións para o período 2028-2033. Estas ferramentas contribuirán a facer que a comunidade sexa máis resiliente aos efectos do quecemento global.
Datos de emerxencias
O xerente da Axega destacou tamén a resposta e a coordinación dos servizos de emerxencias ante a sucesión continuada de episodios de meteoroloxía adversa desde xaneiro. Así, indicou que o 112-Galicia xestionou máis de 7.600 incidencias relacionadas cos temporais, mobilizando en máis de 21.000 ocasións os servizos de emerxencias.
A maioría das incidencias rexistráronse en Pontevedra, con 2.636, seguida da Coruña, con 2.528, de Lugo, con 1.289, e de Pontevedra, con 1.139. En canto á tipoloxía, destacan as árbores e pólas nas estradas e os accidentes.
Marcos Araújo lembrou tamén que se mantén activado en fase de preemerxencia o Plan especial ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal), o que supón unha vixilancia permanente da rede hidrográfica e constantes actualizacións da listaxe de ríos en seguimento. A situación levou ao 112-Galicia a reforzar tanto o persoal na súa sala de operacións como a capacidade operativa do Grupo de Apoio Loxístico (GALI).
Ademais, na xornada do 25 de xaneiro activouse o sistema Es-Alert por alerta vermella por fortes chuvias no interior de Pontevedra desde primeiras horas da xornada seguinte. Segundo explicou, a alerta emitiuse de maneira preventiva ante o risco de inundacións e incidencias asociadas ás precipitacións intensas.