A Xunta insta aos concellos a exercer as súas competencias na regulación dos vehículos de turismo con condutor
A directora xeral de Mobilidade abordou no Parlamento as obrigas legais dos VTC e as actuacións realizadas polo Goberno galego para garantir o seu cumprimento
Judit Fontela incidiu no labor de inspección desenvolvido pola Xunta, que deu como resultado o rexistro de máis de 450 actas e boletíns de infraccións
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, instou hoxe no Parlamento aos concellos a exercer as súas competencias na regulación e control dos Vehículos de Turismo con Condutor (VTCs), en resposta a unha pregunta sobre o cumprimento das obrigas legais na prestación destes servizos. Nesta liña Judit Fontela, incidiu no labor de vixilancia e control que está a realizar o Goberno galego co obxectivo de garantir unha competencia leal e o respecto ás leis, mesmo desenvolvendo “labores de inspección que traspasan o ámbito estritamente interurbano no marco dunha colaboración administrativa eficaz e leal”.
Segundo indicou, resultado deste labor, as actas e boletíns de infracción rexistrados ao longo de 2025 e no que vai de ano suman máis de 450, a maioría delas por tráficos urbanos. “Facemos o labor de inspección e remitimos os resultados aos concellos afectados para que exerzan as súas competencias sancionadoras”, engadiu.
Así, lembrou que a Xunta cumpre rigorosamente coa normativa vixente e coas súas competencias ao tramitar as autorizacións interurbanas de VTC domiciliadas na comunidade, por delegación de competencias do Estado, sempre que se cumpran os requisitos da norma e cos criterios ambientais polos que actualmente se conceden.
Judit Fontela aclarou tamén que a normativa estatal prevé a posibilidade de que os concellos outorguen licenzas urbanas, e así o trasladou Galicia á súa regulación. Deste xeito, a Lei de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, incorpora a normativa estatal e establece que, no suposto de prever o seu outorgamento nas correspondentes ordenanzas municipais, os concellos serán competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a prestación de servizos urbanos de arrendamento de vehículos con condutor a quen dispoña previamente da correspondente autorización interurbana domiciliada en Galicia.
Polo tanto, insistiu, son os concellos os que deben tomar as decisións que consideren oportunas respecto das VTC no que se refire á súa regulación e concesión de posibles autorizacións no ámbito urbano para realizar este tipo de tráficos e tamén é competencia municipal sancionar cando se detecte a realización de tráficos urbanos.
Apoio ao sector da taxi
Por outra banda, a directora xeral destacou o apoio da Xunta ao sector do taxi, coa implantación de diferentes medidas nos últimos anos. Entre elas referiuse ao medio millón de euros destinado en 2025 ás axudas para a adquisición de vehículos con enerxías limpas e de vehículos adaptados, así como ao millón de euros das novas axudas activadas o pasado ano para a contratación dun segundo condutor e para o pago da póliza dos seguros dos vehículos, facilitando o cumprimento deste “servizo público esencial”.