O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramon Parada, recibiu na Consellería de Sanidade á delegación dos hospitais cataláns
Galicia comparte o seu modelo de economía circular sanitaria co Consorcio de saúde de Cataluña
Preséntaselles a Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde, recoñecida nos prestixiosos Premios ao Desafío Climático en Saúde 2025
A delegación de Cataluña coñeceu o traballo en proxectos como Reheal, para optimizar a reciclaxe, o reacondicionamento e a recuperación de subministros médicos para reducir os dispositivos desbotables
Tamén visitou o Hospital Público Álvaro Cunqueiro, referente global en sustentabilidade sanitaria, con enerxía fotovoltaica, horta ecolóxica e proxecto de ecopastoreo, ou o centro de saúde do Porriño, modelo de construción sostible con madeira e envolvente téxtil
A Plataforma Loxística do Servizo Galego de Saúde, en Negreira, foi outro dos centros galegos nos que o Consorcio de Saúde de Cataluña mostrou interese
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramon Parada, recibiu este venres, no edificio administrativo de San Lázaro da Consellería de Sanidade, ao Green Team do Consorci de Salut i Social de Catalunya, un grupo de traballo creado para promover a sustentabilidade ambiental dentro do sector sanitario, promovendo unha xestión responsable.
O obxectivo da visita foi establecer sinerxías entre os dous modelos de xestión e intercambiar experiencias nas políticas e prácticas sostibles, coa Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde como referencia.
Por iso, a subdirectora xeral de Planificación Sanitari do Departament de Salut da Generalitat de Cataluña, Ariadna Mas, presentou os proxectos desta comunidade nun encontro co xerente do Sergas, José Ramón Parada.
A continuación, a coordinadora da Estratexia de Economía Circular do Sergas, Beatriz Piñeiro, presentou as liñas mestras da estratexia, recentemente galardoada nos prestixiosos Premios ao Desafío Climático en Saúde 2025 (Health Care Climate Challenge Awards): en resiliencia climática, en liderado climático e en mitigación do cambio climático.
A xornada de traballo incluíu unha visita á sede da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, que lidera o traballo en proxectos como Reheal, para transformación de cadeas de valor de subministros cara a circularidade. Co sistema de compra pública innovadora preténdese atopar solución para optimizar a reciclaxe, o reacondicionamento e a recuperación de subministros médicos para reducir os dispositivos desbotables.
A delegación catalá, ademais, acudiu á Plataforma Loxística do Servizo Galego de Saúde, en Negreira, onde se centraliza de forma automatizada a distribución dos recursos precisos para os centros sanitarios de toda Galicia.
Hospital Público Álvaro Cunqueiro, na vangarda da sustentabilidade
Desde a área sanitaria de Vigo, acolleuse a esta vintena de profesionais de hospitais e centros sanitarios cataláns para coñecer o Hospital Público Álvaro Cunqueiro, xa que o hospital ampliou e modernizou a súa instalación fotovoltaica con máis de 5.400 paneis solares. Isto permitiu producir enerxía eléctrica renovable reducindo emisións de CO₂ (aproximadamente 1.500 toneladas anuais) e diminuír a dependencia de enerxía externa.
Tamén visitaron a horta con fins terapéuticos, educativos e sociais do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, que promove a reutilización local de recursos e a integración comunitaria. E coñeceron a zona de ecopastoreo con cabras autóctonas, un proxecto que ten como obxectivo o coidado de zonas axardinadas mediante un rabaño, reducindo o uso de maquinaria e combustibles fósiles para mantemento da contorna.
A delegación de Cataluña tamén coñeceu a zona de Pediatría do hospital, con armarios intelixentes de almacenamento de subministracións en coordinación coa Plataforma Loxística do Sergas, e visitou a área de control de xestión das instalacións térmicas e eléctricas do hospital.
A delegación tamén tivo interese en coñecer o centro de saúde do Porriño, un referente en sustentabilidade, ao empregarse madeira estrutural de piñeiro galego e envolvente téxtil como materiais principais na súa ampliación.
Sobre a Estratexia de Economía Circular do Sergas
A Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde busca que o sector sanitario actúe como eixo vertebrador e impulsor dunha transformación cultural baseada na sustentabilidade, que sirva ademais como estímulo para o cadro de traballadores do Sergas a continuar as medidas desenvolvidas desde hai xa dúas décadas.
Estas medidas permitirán aforrar custos, acadar unha maior eficiencia e diminuír as emisións en todas as instalacións sanitarias. Ademais, o Sergas fíxase como obxectivo lograr as cero emisións no 2040, acadando xa o pasado ano unha redución do 69 % de emisións.
Para iso, a Estratexia inclúe diferentes medidas como a redución na xeración de refugallos e o uso de combustibles fósiles, a construción de centros sanitarios con materiais sostibles como a madeira, o ecodeseño de procesos asistenciais, o fomento da investigación en I+D neste eido ou fomentar o consumo responsable e sostible entre pacientes, traballadores ou provedores e tamén iniciativas de concienciación social.
O grupo de traballo do Sergas da Estratexia de Economía Circular, formado por 20 especialistas, traballa na folla de ruta desta estratexia para os vindeiros seis anos.
Na actualidade, xa se conta coa certificación de Aenor do GHG Protocol (Protocolo de Gases de Efecto Invernadoiro), impúlsase o proxecto Life Resystal para axudar a outros sistemas sanitarios a ser resilientes ao clima; ou no CEMTEX, para cerrar o círculo dos téxtiles médicos para a transición a unha economía circular
Ademais, a sanidade galega ten en marcha outros programas para a redución de uso de plásticos nos centros hospitalarios e a formación xa de 30.000 profesionais para poder chegar a todos os colectivos sanitarios para a transformación.