A Xunta apoia o reforzo das gasolineiras no rural, con axudas para incorporar sistemas de retirada de efectivo ou desfibriladores

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, lembra que ata o 9 de marzo poderán solicitarse as achegas, que na pasada convocatoria distribuíron 70.000 euros entre oito estacións da provincia

Castroverde (Lugo), 13 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia vén de publicar o programa de axudas encamiñadas a reforzar as gasolineiras do rural, que financia accións de modernización tecnolóxica e dixital, mellora da seguridade e ampliación de servizos. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou hoxe os detalles da convocatoria durante unha visita ás estacións de servizo de Castroverde A Fortaleza e Ariosa, esta última beneficiaria das achegas o pasado ano.

Arias lembrou que a medida está dirixida ás gasolineiras situadas en municipios de menos de 20.000 habitantes ou en parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais. As solicitudes poden presentarse ata o 9 de marzo e, como principal novidade, finánciase a incorporación de desfibriladores con ata 1.500 euros. Igualmente, contemplan apoios de ata 5.000 euros para a adquisición de grupos electróxenos.

O orzamento total ascende a 800.000 euros, cun máximo de 30.000 euros por solicitude. Como na anterior edición, cobren tamén as instalacións necesarias para a implantación do servizo de retirada de diñeiro en efectivo, e outros equipamentos de pagamento e plataformas para a adquisición de produtos.

Este programa distribuíu na última convocatoria 70.000 euros entre oito gasolineiras da provincia, situadas en Paradela, Baralla, Begonte, Taboada, A Pastoriza, Guntín, Outeiro de Rei e Castroverde. En xeral, acometeron procesos de dixitalización, instalación de sistemas de telemedición de tanques ou sondas, e medidas para garantir o subministro eléctrico, como xeradores e Sistemas de Alimentación Ininterrumpida (SAI).

O delegado territorial explicou que “a introdución de novos servizos axudará á supervivencia das gasolineiras e á loita contra o despoboamento rural, reunindo unha oferta que pode ser de grande utilidade para a poboación”. Entre estes, subliñou a  entrega física de pequenas cantidades de diñeiro a clientes de entidades financeiras que teñan subscrito o correspondente acordo coa estación de servizo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2026