A Xunta abre o prazo de recollida de achegas para elaborar a nova Lei de aprendizaxe permanente de persoas adultas

O conselleiro de Educación presenta a norma a colectivos implicados neste tipo de ensinanzas no día en que se publican os trámites de consulta pública previa

Cámbiase o enfoque, tendo en conta que a maior parte da poboación xa conta cunha titulación básica e está a subir a matrícula nas ensinanzas de nivel superior

Tamén se atenderá o incremento do alumnado estranxeiro, que xa supón 5.000 dos 62.000 matriculados nestas ensinanzas

Impulsarase a información e a orientación, aglutinando na mesma plataforma toda a oferta formativa dispoñible, ao tempo que se axilizan os procesos administrativos

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2026

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe a nova Lei de aprendizaxe permanente de persoas adultas a colectivos implicadas no desenvolvemento deste tipo de ensinanzas. Fíxoo no día no que a Xunta de Galicia abre o prazo de recollida de achegas para elaborar esta norma. Deste xeito, coa publicación da consulta pública previa no Portal de Transparencia, inícianse os trámites de redacción da lei, que está previsto enviar ao Parlamento de Galicia a inicios do vindeiro ano 2027.

A lei aglutinará por primeira vez toda a oferta autonómica de aprendizaxe permanente, non só a ofrecida pola Consellería de Educación, senón tamén a que imparten outros departamentos da Xunta. O titular do departamento educativo do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, lembrou que a nova lei substituirá á de 1992, actualizándoa para dar resposta ás necesidades actuais nun contexto social totalmente diferente. Neste sentido, explicou que, mentres que ata o momento as ensinanzas para adultos se centraban en que as persoas puideran obter un título de ensino básico, hoxe é cada vez maior a porcentaxe da poboación que xa conta con esa titulación e opta por opcións formativas de nivel superior.

Colectivos de atención

A nova lei atenderá esta realidade, así como o incremento de alumnado estranxeiro, con máis de 5.000 matriculados nestas ensinanzas do total das 62.000 persoas que as cursan en Galicia. “Buscamos, polo tanto, un cambio de enfoque, que nos permita atender mellor á cidadanía que opta polas ensinanzas de adultos para continuar formándose ao longo da súa vida e mesmo recualificándose para acceder a novas oportunidades de traballo”, destacou o conselleiro.

Para iso, a nova lei centrarase en dous colectivos específicos: grupos en situación de vulnerabilidade –poboación migrante, persoas con baixo nivel educativo, colectivos sociais desfavorecidos...– e poboación adulta que busca a mellora profesional ou académica para mellorar a súa integración e desenvolvemento persoal e social ou por esixencias laborais.

Impulso á orientación e formación

Ao abeiro desta nova normativa crearase unha plataforma dixital na que a cidadanía poderá consultar toda a oferta formativa dispoñible, así como os calendarios e formas de acceso, entre outra información. Así mesmo, impulsarase a orientación para que cada persoa que desexe mellorar a súa formación ou cualificación estea acompañada e asesorada á hora de facelo.

A maiores, a habilitación dun sistema integrado e a aplicación de ferramentas de intelixencia artificial á súa xestión permitirá reducir a burocracia e simplificar os procesos, axilizándoos.

De xeito paralelo, o desenvolvemento da nova lei suporá o avance progresivo na oferta de formacións en liña de tal forma que, mantendo as opcións presenciais, se incremente as opcións a distancia, accesibles a calquera persoa desde calquera lugar, algo especialmente relevante para o rural galego e que está a demandar a poboación traballadora.

Participantes na xornada

Ao remate da presentación celebrouse unha charla–coloquio moderada pola directora do Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Nelson Mandela (Centro Penitenciario A Lama), Marta García; coa participación do director do  Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Berbés (Vigo), David Bernárdez;  de Brahim Werzeg, antigo alumno de castelán e galego para inmigrantes (IES Nº 1 de Ribeira) e de José Luis Pareja, alumno do Ciclo Superior de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma na modalidade para adultos a distancia (IES San Clemente de Santiago de Compostela).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/02/2026