A Xunta mantén aberta a convocatoria de axudas aos concellos con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, supervisou esta mañá a instalación dun punto de recarga público de vehículos eléctricos e a instalación de paneis solares, levada a cabo neste concello con cargo a esta orde de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes na convocatoria anterior
Lembrou que está aberto o prazo de solicitude da convocatoria deste ano ata o 6 de marzo, dotada dun orzamento de 11,4 M€
Cerdido (A Coruña), 13 de febreiro de 2026
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cerdido, Alberto Rey, visitou esta mañá a instalación dun punto de recarga público e de paneis solares con cargo a unha axuda de máis de 11.000 euros da liña de concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental (FCA).
A través desta liña de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes dirixida ás entidades locais, o Concello de Cerdido acometeu a instalación dun punto de recarga público para vehículos eléctricos, así como a reparación e instalación de paneis solares, coa finalidade de colaborar na redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, o impulso e incremento da participación de enerxía procedente de fontes renovables e a mellora e o incremento da eficiencia enerxética.
O Concello de Cerdido é un dos 14 municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que o pasado ano se beneficiaron do Fondo de Compensación Ambiental -tanto da liña competitiva como da non competitiva- que deixou axudas por valor de preto de 922.000 euros na zona.
Durante a visita, a delegada territorial advertiu da importancia de estar ao carón das entidades locais con actuacións como estas que optimicen os seus recursos e aproveitou a ocasión para animar aos Concellos da zona a presentarse á nova convocatoria de 2026 que está aberta ata o 6 de marzo e que conta cun orzamento de 11,4 M€.
O Fondo de Compensación Ambiental foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. Conta con dúas liñas: unha non competitiva, dirixida aos concellos nos que haxa parques eólicos ou afectados pola conexión ou vía de evacuación e a competitiva destinada a todos os municipios e a mancomunidades ou consorcios locais de Galicia.
Accións subvencionables
Entre as actuacións subvencionables englóbanse aqueles investimentos e custos de funcionamento dos servizos municipais dedicados á protección do medio como campañas divulgativas e de sensibilización sobre boas prácticas ambientais, plans e proxectos ambientais; as accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica; ou as melloras enerxéticas nas instalacións municipais, xa sexa na envolvente do edificio, iluminación e climatización interior e instalación de caldeiras de biomasa, paneis solares térmicos ascensores eficientes ou sistemas de aforro de auga. Tamén se financia ao abeiro destas axudas a adquisición de vehículos con distintivo ambiental cero emisións ou eco, así como os destinados a actuacións a prol da contorna natural e para a recollida e traslado de residuos.
A delegada territorial sinalou que tamén poden acollerse a estas axudas as infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais (centros de interpretación, aulas de natureza, paseos, áreas recreativas, rutas de sendeirismo...), as actuacións a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais e os proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal (equipamento para a recollida de residuos, proxectos de saneamento e abastecemento de auga, maquinaria para a protección de ambiente, recuperación de espazos degradados ou obras en edificios para reducir os riscos derivados da exposición ao gas radón). A maiores, as axudas cobren tamén os gastos do persoal vinculado á execución das accións subvencionables.