A Xunta leva a nova edición do programa ‘Que non te líen, ti elixes’ a preto de 70 centros de secundaria a prol da elección profesional sen prexuízos de xénero
O Goberno galego publicou recentemente a lista de beneficiarios da última convocatoria deste curso desta iniciativa impulsada polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
Do total de centros seleccionados, 23 pertencen á provincia da Coruña, 27 á de Pontevedra, 10 á de Lugo e 9 á de Ourense
Como novidade, neste curso introducíronse contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións
A finalidade é seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores como a automoción, o metal, o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2026
A Xunta resolveu recentemente a última convocatoria do programa Que non te líen, ti elixes, impulsado polas consellerías de Emprego, Comercio e Emigración e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Neste sentido, un total de 69 centros de secundaria de toda a comunidade recibirán charlas durante o segundo e terceiro trimestre do curso 2025-2026 a prol de que as mulleres escollan profesión atendendo ás súas capacidades ou motivacións persoais, sen deixarse limitar por prexuízos ou estereotipos de xénero.
En concreto, 23 dos beneficiarios pertencen á provincia da Coruña, 27 á de Pontevedra, 10 á de Lugo e 9 á provincia de Ourense. Todos son centros educativos galegos sostidos con fondos públicos onde estuda alumnado de 3º e 4º da ESO. Deste xeito, a iniciativa busca seguir avanzando na presenza de mulleres en sectores como a automoción, o metal, o forestal, a construción, o marítimo-pesqueiro ou as TIC, contribuíndo a unha sociedade máis xusta e equitativa.
Así, nesta nova edición do Que non te líen, ti elixes, as charlas didácticas e debates promovidos nos centros seguirán estando dirixidos por persoal de asociacións, fundacións e clústeres de sectores con escasa representatividade feminina, que porán sobre a mesa cuestións como as condicións laborais dos diferentes ámbitos profesionais, que constatan maiores salarios para os empregos que adoitan estar ocupados por homes. Tamén porán en valor mulleres referentes de éxito en ámbitos profesionais con reducida presenza feminina, para que poidan servir de exemplo ás novas xeracións.
Ademais, neste curso introducíronse como novidade nas actividades desta iniciativa contidos relacionados coa presenza de homes en profesións consideradas tradicionalmente feminizadas, co obxectivo de rachar cos prexuízos ou estereotipos de xénero nas diferentes profesións.
Convocatoria anterior
Co lanzamento desta nova edición, o Goberno galego busca consolidar e reforzar os datos obtidos ata o momento, que continúan en crecemento, demostrando o interese que suscita o programa. Así, na anterior convocatoria deste curso acolleron charlas un total de 91 centros de secundaria de toda a Comunidade.