A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe en Meaño (Pontevedra) o polígono industrial da Pedreira, beneficiario destes apoios

Lorenzana destaca que xa está aberta a liña de axudas da Xunta de 3,5 M€ para a mellora de infraestruturas nos parques empresariais

Estará aberta ata o vindeiro 4 de marzo cunha contía máxima de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 para as conxuntas

Como novidade, este ano tamén se poderán destinar a integrar os polígonos na paisaxe

Meaño (Pontevedra), 14 de febreiro de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, informou hoxe de que ata o vindeiro 4 de marzo xa se poden solicitar as axudas da Xunta para a habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais de Galicia, que ascenden a 3,4 M€.

Lorenzana, acompañada pola directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, visitou hoxe en Meaño (Pontevedra) o polígono industrial da Pedreira, que o pasado ano recibiu preto de 80.000 euros desta liña de apoios para mellorar o firme das súas infraestruturas viarias. Este parque empresarial foi un dos 73 que resultaron beneficiados en toda Galicia na convocatoria de 2025. Deles, 28 na provincia da Coruña; 22 na de Lugo; 7 en Ourense e 16 en Pontevedra.

Lorenzana explicou que estas axudas cobren ata o 80 por cento do investimento subvencionable, cun máximo de 120.000 euros para as solicitudes individuais e de 138.000 para as conxuntas. Como novidade, sinalou que este ano tamén se poderán destinar a mellorar as infraestruturas e espazos públicos do parque empresarial para contribuír á súa integración paisaxística.          

Xunto con isto, as axudas cobren a implantación e melloras na iluminación pública nas plantas de depuración de augas e nos colectores con vertedura á depuradora municipal; na xestión de residuos dentro do parque empresarial; nas infraestruturas viarias ou nos servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno.

A conselleira destacou que a Xunta está facendo un enorme esforzo para executar máis metros cadrados de solo industrial en Galicia alí onde hai máis demanda, ao tempo que se inviste, tamén, en modernizar as infraestruturas dos parques empresariais que así o precisan.

Actualmente, o Goberno galego está tramitando case  3 millóns de m² de novo solo empresarial na provincia de Pontevedra. Neste momento encóntranse en tramitación o parque empresarial de Fragamoreira (Poio), o de Toedo (A Estrada), Louredo (Mos-Redondela), a ampliación do Pousadoiro (Vilagarcía de Arousa) e a área multifuncional da Plisan. Ademais, tamén se está tramitando o proxecto de reurbanización da central de transportes e terminal intermodal de Ponte Caldelas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/02/2026