A Xunta destaca a excelencia formativa do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico e a súa contribución á remuda xeracional

Vigo, 13 de febreiro do 2026

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou hoxe no acto de entrega de diplomas ao alumnado do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico de Vigo que remata a súa formación nos ciclos medios e superiores de Ponte e Máquinas e que inicia agora o período de prácticas en empresas.

Durante a súa intervención, trasladou os parabéns aos novos titulados e destacou que Galicia renova co seu traballo o compromiso histórico co sector marítimo-pesqueiro. Subliñou ademais que a formación especializada é clave para garantir a competitividade e a sustentabilidade dunha actividade estratéxica para a comunidade.

A responsable autonómica puxo en valor o papel do centro, recoñecido como Centro de Referencia Nacional en Pesca e Navegación, e referente na formación de profesionais do mar grazas á combinación de tradición e innovación, con instalacións e equipamentos avanzados, entre eles o seu histórico planetario para o estudo da navegación astronómica.

Ángeles V. Suárez destacou que o alumnado inicia agora unha etapa decisiva coa realización das prácticas en empresa, paso previo á súa incorporación ao mercado laboral, e incidiu na importancia de continuar reforzando a formación para garantir a remuda xeracional no sector pesqueiro galego.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 13/02/2026