O director xeral de Patrimonio, Angel Miramontes, e o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitaron a zona das obras

A Xunta destinará 150.000€ a reparar os danos provocados pola chuvia na muralla romana de Lugo

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude confirma que a caída foi provocada pola acumulación de auga polas fortes precipitacións

Destaca o “bo ritmo” dos traballos que se centrarán na reconstrución do tramo entre as portas do Carme e a de Santiago e que se estenderán ata 12 metros para actuar tamén en parte do cubo XVI

Lugo, 16 de febreiro de 2026

A Xunta de Galicia destinará 150.000€ a recuperar e reconstruír os danos causados polas fortes chuvias na muralla romana de Lugo. Así o anunciou hoxe o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, nunha visita ás obras na que tamén participou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias e onde precisou que os traballos se centrarán na reconstrución do tramo entre as portas do Carme e a de Santiago e que se estenderán ata 12 metros para actuar tamén en parte do cubo XVI.

Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor que o Goberno galego “actuou de inmediato e de urxencia” en canto se produciron os danos no lenzo interior da muralla, a altura da rúa do Moucho, nun tramo “de entre seis e sete metros” comprendido entre as portas do Carme e a de Santiago.  En concreto, precisou que as actuacións que se puxeron marcha xa o pasado luns para acadar “a reconstrución canto antes” deste ben Patrimonio Mundial están executándose a “bo ritmo e cumprindo o calendario previsto”. No entanto, amosouse partidario de ser prudentes e en canto á fixación de prazos definitivos, “ao depender as actuacións das condicións meteorolóxicas, nas que seguen predominando as precipitacións constantes e cuantiosas”.

Precisamente, o responsable de Patrimonio da Xunta informou que os estudos técnicos confirmaron que o incidente produciuse polo “desprazamento do muro ao non poder soportar o empurre exercido pola auga acumulada e non existir un sistema eficaz de drenaxe”. Neste senso, incidiu en que o embalsamento afectou a un lenzo interior que non pertence ao trazado orixinal da muralla, “senón que é froito dunha reconstrución posterior que se fixo aproximadamente nos anos vinte do século pasado”, aclarou.

En todo caso, Miramontes explicou que os traballos destes días estiveron centrados, ademais de retirada de todo o material e limpeza da zona, en analizar as condicións de estabilidade das zonas limítrofes. Ademais, salientou que se continúa a ter “información constante e fiable de todo o resto do perímetro da muralla, a través do labor de monitorización feito ao abeiro do Plan director”.

Polo tanto, avanzou que os traballos que se van acometer a partir de agora estarán focalizados nos recheos da terra interior da muralla na zona desmontada e execución de novos con lousa e morteiro de cal, “replicando os sistemas construtivos orixinais”. De igual xeito, adiantou que se van levantar muros de mampostería e realizarase un acabado do adarve. En todas estas obras, segundo detallou, vaise empregar a pedra extraída das obras de desmontado.

10 M€ en 60 actuacións na muralla

Na visita, o director xeral de Patrimonio asegurou que o Goberno galego acometerá “toda as actuacións e investimento que sexan necesarias” para preservar a conservación “dun dos patrimonios máis icónicos e recoñecibles de Galicia e que sempre ocupou un lugar destacado no compromiso da Xunta co patrimonio cultural”. Como proba disto, salientou que, desde que foi declarada Patrimonio da Humanidade no ano 2000, a Administración autonómica achegou máis de 10 M€ para levar a cabo 60 actuacións.

Finalmente, lembrou que a muralla romana de Lugo xa rexistrou derrubamentos a causa das choivas en anteriores ocasións. A última, pouco despois do recoñecemento internacional pola Unesco, afectou á zona localizada nas inmediacións do hospital de Santa María.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2026