A Xunta autoriza a contratación das obras de reforma e ampliación do Hospital Público da Mariña, que suporán un investimento de 33,5 M€
Tal e como informou o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, con estas dúas novas fases ampliarase noutros 3.000 m2 a superficie do hospital, co que o centro vai ter ”un 50% máis de superficie da que tiña inicialmente cando foi construído”
Reformaranse preto de 9.500 m2, cun importante aumento do espazo nos servizos de Urxencias, o Punto de Atención Continuada e a Unidade de Coidados Intensivos, entre outras
O proxecto prevé a construción dun novo edificio que albergará o salón de actos e unha área destinada á docencia na primeira planta, ademais da Unidade de Prevención de Riscos laborais, na planta baixa
Tamén inclúe a reforma dos quirófanos de cirurxía maior ambulatoria, da unidade de pediatría, da UCI, das urxencias, da área de diagnóstico por imaxe ou dos espazos de medicina preventiva
Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026
O Consello da Xunta autorizou esta mañá, na súa xuntanza semanal, a licitación das fases 2 e 3 das obras de reforma e ampliación do Hospital Público da Mariña, que, tal e como destacou o presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, atende a 70.000 persoas. O Executivo galego prevé destinar un total de 33.565.265 euros para financiar esta actuación.
Segundo sinalou Rueda, con estas novas fases ampliarase noutros 3.000 m2 a superficie do Hospital Público da Mariña. Sumando isto á primeira fase da ampliación, xa rematada e á que se destinaron 12,5 millóns de euros, o hospital de Burela contará ”cun 50% máis de superficie da que tiña inicialmente cando foi construído”. Ademais, reformaranse preto de 9.500 m2.
Así, o Goberno galego continúa a apostar pola mellora das infraestruturas hospitalarias e por optimizar os servizos sanitarios que presta aos pacientes que teñen como referencia este hospital comarcal.
As fases 2 e 3 do Plan director do Hospital da Mariña, que prevén a ampliación de espazos e a reforma dalgunhas zonas actuais, terán un prazo de execución de 36 meses, unha vez se adxudiquen as obras. A previsión é iniciar os traballos este mesmo ano.
Nova edificación e ampliación de espazos
As fases 2 e 3 do Hospital Público da Mariña que se van a acometer prevén a construción dun novo edificio de dous andares. Este, albergará na planta baixa a zona de mantemento e a Unidade de Prevención de Riscos Laborais e, na planta 1 , acollerá o salón de actos e a área destinada á docencia.
Reformas dos espazos existentes
Na planta baixa crearanse novos laboratorios, e reformarase a área de Anatomía Patolóxica e o Hospital de día polivalente. Así mesmo, procederase á mellora da área das consultas especializadas e das zonas de cafetaría, almacén e vestiarios.
No primeiro andar, acometerase a reforma e ampliación das áreas de Admisión, Urxencias e de Diagnóstico por Imaxe, a zona das consultas polivalentes e tamén os espazos destinados aos Coidados Paliativos, á Medicina Preventiva e á Área de Hospitalización a Domicilio (HADO).
En canto ao segundo andar, renovarase os quirófanos de Cirurxía Maior Ambulatoria, as Unidades de Recuperación Postanestésica (URPA) e os servizos de Pediatría e Coidados Intensivos.
O eido de reformas culmina no terceiro e cuarto andar do hospital, abordándose a mellora das salas destinadas aos médicos de garda, ás secretarías de servizo, así como os espazos que albergan as instalacións e os equipos de mantemento do centro sanitario.
Ademais, renóvanse todas as instalacións técnicas e os ascensores do edificio actual.
A culminación do Plan director do Hospital da Mariña, engadido ás obras de mellora enerxética do centro e a dotación de equipamento, suporá un investimento de 50 millóns de euros neste hospital comarcal.
Así, estas actuacións permitirán pasar dos 17.600 m2 cos que contaba inicialmente o centro hospitalario ata os máis de 26.000 m2 e, ademais, suporá a reforma de máis de 13.000 m2.
Unha vez máis, a Xunta reforza a súa aposta pola mellora dos servizos e das infraestruturas sanitarias, mantendo o seu compromiso cun sistema público que sitúa a comunidade galega á vangarda das prestacións asistenciais.