Rueda anuncia que a Xunta apoiará os proxectos de I+G+i de 138 empresas con case 23 M€ grazas ao novo programa Nexos

Sinala que o Consello informou da resolución desta convocatoria que beneficiará a 37 iniciativas centradas en ámbitos estratéxicos froito da colaboración entre entidades

Destaca que esta nova liña de subvencións, enmarcada no Plan galego de investigación e innovación 25-27, avala proxectos de desenvolvemento experimental, investigación industrial, innovación organizativa e innovación en materia de procesos

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a próxima resolución do novo programa Nexos grazas ao que se subvencionarán 37 proxectos nos que están implicados 138 empresas co apoio de diversos centros de coñecemento en eidos considerados estratéxicos para Galicia. Cun orzamento de máis de 22,6 M€ para as anualidades 2026-2028, o Goberno galego agarda mobilizar un investimento total de 39,8 M€ e impulsar así a I+G+i “no eido empresarial”.

Tal e como detallou o presidente, os proxectos, financiados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, realizaranse por agrupacións de empresas constituídas por un máximo de seis pemes e un mínimo de tres. Por tipoloxía, 25 son de desenvolvemento experimental, 10 de investigación industrial e dous de innovación organizativa e innovación de procesos.

Rueda sinalou que todos estes proxectos encádranse nalgún dos ámbitos “que consideramos neste momento estratéxicos” polo Plan galego de investigación e innovación 25-27. En concreto, 11 versan sobre economía circular e enerxía, 10 sobre fabricación avanzada, nove sobre agroalimentación, catro sobre benestar e saúde e tres sobre outras áreas. Para a selección destes proxectos tamén se tivo en conta a capacidade das entidades beneficiarias para xerar rendibilidade no mercado e, en consecuencia, contribuír ao crecemento económico de Galicia.

Maior capacidade científico-técnica

Esta é unha das accións da Xunta para fortalecer a I+G+i, a ciencia e a innovación feitas en Galicia, mellorando así o potencial da Comunidade. De xeito particular, Nexos busca aumentar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial, fomentar a cooperación público-privada a través de proxectos de I+D+i e facilitar a transferencia de tecnoloxía e a adopción de solucións avanzadas que permitan ás pequenas empresas liderar procesos de transformación dixital, avanzando cara á súa sustentabilidade e competitividade.

O orzamento subvencionable dos proxectos, que serán cofinanciados por fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, oscilan entre os 1,5 M€ e os 500.000 €, con intensidades de axuda que van desde o 40 % ata o 60 %. Os beneficiarios poderán financiar custos directos (persoal, equipamento e materiais, subcontratacións e adquisición de patentes, entre outros) e indirectos (gastos administrativos, de supervisión e control de calidade, subministracións, seguros, seguridade ou gastos de limpeza). A xustificación realizarase a través da metodoloxía de custos simplificados.

Activa I+G+i

Nexos enmárcase no programa Activa I+G+i , pensado para apoiar a colaboración entre empresas e a transferencia efectiva de resultados, ao que o Goberno galego destina máis de 40 M€ mediante catro grandes convocatorias: ademais de Nexos, tamén unidades mixtas de investigación, que se resolverán proximamente; fortalecemento de centros tecnolóxicos (6 M€), da que se informou no Consello da semana pasada, e recuperación da excelencia Neotec (1,6 M€), resolta en novembro.  

A través destas axudas, a Consellería de Ciencia pon o foco nas pequenas empresas da Comunidade coa finalidade de potenciar unha I+G+i colaborativa que impulse a transferencia real de coñecemento, o que contribúe tanto a reforzar a competitividade desde o punto de vista económico como a mellorar o día a día da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/02/2026