A Xunta aproba o contrato de xestión da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, que destinará 19,4 M€ ata 2029 ao fomento da investigación e da formación especializada na sanidade pública

Establécense como metas asinar 60 contratos competitivos que permitan a captación ou o retorno de talento e impartir 30.000 horas de formación continuada

A axencia encárgase da formación sanitaria especializada, que este curso presenta o maior número de prazas da súa historia, con 682, coa oferta do 100 % das prazas de medicina familiar e comunitaria e de pediatría

Buscarase evidencia científica para sustentar as decisións do sistema público de saúde sobre a incorporación de novas tecnoloxías e novas prácticas clínicas

Máis de 1.600 investigadores desenvolven a súa actividade científica nos hospitais e centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde

O Consello da Xunta aprobou hoxe o contrato plurianual de xestión da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, ACIS, dotado con 19.436.711 euros no período 2026-2029, co obxectivo principal de fomentar a investigación, a innovación e a formación especializada na sanidade pública.

Este contrato establece os compromisos da axencia, adscrita á Consellería de Sanidade, que se estruturan en seis eixes: formación, docencia, investigación, innovación, avaliación e xestión.

En primeiro lugar, o eixe de formación ten o obxectivo de consolidar un modelo integral de xestión da formación continuada para garantir unha oferta formativa de excelencia aliñada coas necesidades do sistema sanitario.

Entre as metas marcadas está a planificación de 1.750 actividades formativas, desenvolver 30.000 horas lectivas e expedir 340.000 certificados de actividades de formación completadas. Estas iniciativas levaranse a cabo grazas ao deseño dun plan anual de formación adaptado ás necesidades detectadas e tamén especificamente formación en simulación médica avanzada.

Como eixe número dous, está a docencia, xa que a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde é a encargada da formación sanitaria especializada. Aspírase a formar máis de 2.000 médicos e outros especialistas sanitarios cada ano.

Para o curso en marcha 2025-2026, a Xunta, a través da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, xa presentou a maior oferta de formación sanitaria especializada da súa historia coa convocatoria de 682 prazas de novo ingreso, cun investimento de 83,5 millóns de euros.

Atendendo ás necesidades da sanidade pública, no ámbito da atención primaria, o Goberno galego convocou o 100 % das prazas de medicina familiar e comunitaria, 207, e de pediatría, 27. Ademais, a Xunta tamén segue a incrementar a formación en saúde mental, con 19 prazas de psiquiatría, 2 de psiquiatría infantil, 16 de psicoloxía clínica e 21 de enfermaría especialista en saúde mental.

Aposta pola ciencia

Coa finalidade de impulsar unha ciencia de vangarda que responda aos retos de saúde, o terceiro eixe no que se centrará a axencia nos próximos anos abordará os retos en investigación. Entre outras accións, desenvolverase a carreira investigadora con itinerarios profesionais, dixitalizaranse os trámites de investigación, promoveranse convocatorias de premios e crearase a Oficina de transferencia de coñecemento, especializa na xestión de propiedade intelectual.

Traballarase para asinar 60 contratos competitivos de captación ou retorno de talento, despois de ter consolidado xa 33 investigadores, estabilizados como persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.

A Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde desenvolve o seu labor nun marco de colaboración cos axentes de investigación sanitaria de Galicia, como as tres fundacións públicas radicadas na Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Así, máis de 1.600 profesionais que levan a cabo tarefas de investigación de áreas de coñecemento moi diversas desenvolven a súa actividade científica nos hospitais e centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde ou Fundacións Públicas de Investigación Sanitaria e contan co apoio da axencia para avanzar nas súas liñas de investigación actuais e futuras.

Nesta liña, o cuarto eixe céntrase na innovación, co obxectivo de impulsar a cultura innovadora e a transferencia de resultados á práctica clínica.

Neste punto enmárcase a Rede de nodos de innovación sanitaria como mecanismo para canalizar as ideas dos profesionais sanitarios e tamén de pacientes, as súas persoas coidadoras e empresas, e demais entidades implicadas no sistema sanitario. Conta cun nodo por área sanitaria, ademais dun nodo central de coordinación.

A compra pública innovadora é outra das iniciativas da Xunta que, no ámbito sanitario, canaliza a través da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde. Unha das próximas licitacións previstas é o proxecto europeo Reheal, destinado a optimizar a reciclaxe, o reacondicionamento e a recuperación de subministracións médicas para reducir os dispositivos desbotables.

Como quinto eixe estratéxico está a avaliación, coa que se busca proporcionar a mellor evidencia científica dispoñible para sustentar as decisións do sistema público de saúde sobre a incorporación de tecnoloxías e novas prácticas clínicas.

Aspírase a realizar 24 informes de avaliación de tecnoloxías sanitarias, para estimar o valor de cada tecnoloxía á mellora da saúde individual e colectiva; e 24 informes preliminares de tecnoloxías emerxentes ao remate do período do contrato da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

Por último, o eixe 6 aborda a xestión para garantir a eficiencia e a sustentabilidade das operacións da propia axencia. As súas funcións principais serán o seguimento e control de fondos europeos de I+D+i ou a xestión da contratación administrativa e convenios.

A través do contrato plurianual de xestión aprobado hoxe posibilítase, coa máxima eficiencia e achegando valor, a xestión do coñecemento xerado no sistema público de saúde, desde a súa xeración ata a transferencia á sociedade.

Data de actualización: 16/02/2026